Galicia, moi presente na feira Seafood de Boston

Galicia, moi presente na feira Seafood de Boston

A Xunta visita os pavillóns de México e Perú na Feira Seafood de Boston e mantén contacto cos empresarios galegos que operan nestes países

O obxectivo desta visita é trasladar o apoio da Xunta de Galicia a estas empresas á hora de afianzar o seu mercado e acceder a outros novos. Tamén impulsar a introdución de produtos do mar doutras empresas galegas no mercado mexicano e peruano.

Esta edición número 34 da feira, conta cun posto da Xunta que alberga a 11 entidades galegas.

Estas entidades son Congelados Noribérica, Congelados Troulo, Fandicosta, Fesba, Isidro 1952, Lanzal Productos del Mar, Oversea Atlantic Fish, Pescados Rubén, Pescados Vixa, Congelados Videmar e a Asociación Española de Mayoristas, Importadores, Transformadores y Exportadores de Productos de la Pesca y Acuicultura (Conxemar).

Ademais, tamén están presentes na feira con posto propio outras empresas galegas como Grupo Ibérica de Congelados, Stolt Sea Farm, Worldwide Fishing Company e Rotogal.

A comitiva galega participou nun showcooking realizado no posto da Xunta. Nel, o cociñeiro Álvaro Villasante, do restaurante Paprica de Lugo e pertencente ao Grupo Nove, amosou a súa destreza nos fogóns cun prato de carpaccio de gamba ofrecido pola empresa Lanzal.

Finalmente, tivo lugar unha xuntanza con diversas empresas galegas do sector do mar que acudiron á feira da man da Cámara de Comercio de Vigo.

Tamén se reuniron con representantes da Comisión Nacional de Acuicultura e Pesca do goberno de México, en concreto co comisionado nacional Mario Alberto Aguilar; co conselleiro de Agricultura, Luis Martínez, e coa directora de proxectos estratéxicos, Martha Aurea.

Seafood Boston 2018

A Seafood de Boston é o evento comercial de produtos marítimo-pesqueiros máis grande de América do Norte.

Galicia participa neste evento cun posto institucional de máis de 167m², que dá cabida ás empresas galegas coexpositoras pertencentes ao sector do conxelado e dos produtos do mar procesados.

Nesta feira danse cita máis de 20.000 visitantes profesionais de máis de 100 países.

Conta cun espazo de 55.000m² en total, no que se promocionan 1.200 empresas expositoras de 50 países distintos vinculadas aos produtos do mar frescos, conxelados, da acuicultura e envasados e tamén profesionais que se dedican á provisión de equipamentos e transporte, loxística e maquinaria.

Comparte...