Galicia presume de gastronomía en FITUR

Galicia presume de gastronomía en FITUR

Arranca en Madrid a segunda xornada da 37 edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), un encontro global entre profesionais do sector, que reunirá en 62.500 metros cadrados, repartidos en 755 expositores, as propostas turísticas de 9.672 empresas procedentes de 165 países e rexións. Galicia non desaproveita esta ocasión para presumir de gastronomía, un dos aspectos favoritos para os máis de tres millóns de viaxeiros que visitaron a nosa comunidade ata agosto do pasado ano.

Se na xornada inaugural a proposta galega xirou arredor do Camiño de Santiago -que batía en novembro do pasado ano o seu récord con 272.499 peregrinos- así como a promoción do patrimonio natural –especialmente importante no ano do turismo sostible-, na segunda xornada a gastronomía e o enoturismo son os principais protagonistas.

Con ese obxectivo tivo lugar no stand de Galicia a presentación da guía “E Para Comer, Lugo”, unha iniciativa impulsada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), enfocada á promoción da provincia como destino turístico e gastronómico.

Na mesma liña se presentou tamén a 18º edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómicoque se celebrará en Ourense do 1 ao 5 de febreiro e que terá representación de Panamá, Costa Rica, México, Portugal e España, a través dunha quincena de restaurantes. Este ano contará cun completo programa de actividades orientadas á promoción dunha gastronomía de calidade e á alimentación equilibrada, así como os paquetes denominados “Siente Galicia”, pensados para incentivar o turismo enogastronómico de proximidade.

Nesta segunda xornada da feira o Clúster de Turismo de Galicia presenta o proxecto Enoturismo Galicia xunto coa asociación Ruta do Viño Rías Baixas, que nace co obxectivo de promover o turismo vinculado á viticultura. A localidade de Cambados terá tamén o seu protagonismo neste senso, da man da Mancomunidade do Salnés, xa que nos próximos meses celebrará que é Cidade Europea do Viño 2017.

Pola súa banda os cociñeiros vigueses Carlos Barreira e Gerson Iglesias –de Ruxe Ruxe e Bocarte– estarán aos fogóns xunto a Pepe Solla, nun evento organizado por FITUR, no restaurante que o recoñecido chef dirixe na capital –Atlántico Casa de Comidas-, ofrecendo un menú inspirado na tradición culinaria das Rías Baixas. Barreira e Iglesias continuarán a promoción da gastronomía galega nos próximos días no marco dos actos de Madrid Fusión 2017, como concursantes da gran final do certame Pincho Gourmet do Grupo Mahou.

Destaca tamén en FITUR a participación do CSHG, que desprazou ata Madrid un grupo de alumnos que están a colaborar, poñendo en práctica os seus coñecementos, no restaurante Galicia da feira.

Comparte...