“De Galicia vai vir viño con moitísimo interese e gran personalidade” asegura Josep Roca

“De Galicia vai vir viño con moitísimo interese e gran personalidade” asegura Josep Roca

O sumiller do Celler de Can Roca participou na clausura do primeiro curso superior de sumiller profesional organizado polo Instituto Galego do Viño

O viño é emoción e sentimento e non só técnica. Iso explica o interese por aprender de moitas persoas inicialmente alleas a este mundo”, dixo Josep Roca, sumiller do Celler de Can Roca, presente en Santiago de Compostela para clausurar o primeiro curso superior de sumiller profesional organizado polo Instituto Galego do Viño (IGV).

Roca dixo que o viño en Galicia atópase nun momento importante de calidade e proxección, e asegurou a BenBo que “o mundo quere beber autenticidade e Galicia tena”. Sobre variedades tradicionais menos coñecidas que a albariño ou a godello, Josep Roca considera que dan aos viños galegos moito interese e, aínda que non haxa moitas cantidades permite explicar que Galicia é diversa e que hai que estar moi atentos a ela. “De Galicia vai vir viño con moitísimo interese e gran personalidade”, asegura.

O primeiro curso superior de sumiller profesional clausurado en Santiago de Compostela contou con 25 alumnos cun perfil profesional moi diverso, segundo explicou o director do IGV, Xoán Cannas, que asegurou que entre os alumnos se atopaban profesionais do mundo da restauración e das adegas, pero tamén outros sen ningunha vinculación inicial co mundo do viño.

Cannas indicou que xa está aberto o prazo de matrícula para o segundo curso 2014-2015, que disporá doutras 25 prazas. Unha vez realizada a inscrición os aspirantes deberán pasar unha entrevista persoal antes de ser aceptados no mesmo. “Valoramos coñecementos e curriculum, pero sobre todo valoramos a ilusión”, dixo Cannas.

Comparte...