O Galician Cinema & Food Festival volveu achegar a gastronomía galega á Gran Mazá

O Galician Cinema & Food Festival volveu achegar a gastronomía galega á Gran Mazá

Galician Cinema & Food Festival, recoñecido como o maior evento de Galicia en Estados Unidos pola Oficina de Turismo de España en USA, clausurou a súa cuarta edición este luns. En total foron 5 días de eventos en Nova York e Nova Jersey ao redor do cinema e a gastronomía de Galicia, para achegar o saber facer galego á Gran Mazá.

Así, na parte gastronómica o  GC & FF apostou por produtos de PescadeRías e por suposto, polos chefs galegos afincados na Gran Mazá, neste caso Fran  Novas e Rogelio García do Restaurante Tomiño, no Soho. De novo, o evento celebrouse á vez que a feira  Fancy  Food, á que acudiron empresas galegas como  Portomar, Cabo de Peñas ou La Brújula, que tamén mostraron o seu produto no GC & FF.

O programa do Galician Cinema & Food Festival tivo actividades dirixidas a profesionais e tamén ao público en xeral, para poder promocionar a gastronomía e o cinema galego nos EE. UU. Desta maneira, o xoves 28 de xuño, no  Consentino de Manhattan, 30 persoas da industria, xornalistas e  influencers gozaron dun  showcooking realizado polos chef Fran  Novas e Rogelio García.  O venres 29, a cata dos viños das D.O. galegas contou tamén cunha trintena de persoas, entre as que se incluía Karen  Schaler, guionista gañadora de 3 premios  Emmy.

Preto de 300 persoas estiveron no peche do GC&FF celebrado este luns no Instituto Cervantes e que celebrou o éxito tanto das degustacións dos produtos galegos como da película “ Dhogs”, a longametraxe máis galardoada da  historia dos premios do cinema galego e que foi proxectado nos 3 centros galegos da cidade durante o evento, que vai xa pola súa cuarta edición.

Así, o acto de clausura, celebrado este luns  para un público maiormente americano, incluíu a proxección da película, o recoñecemento ao artista ourensán Miguel Saco na primeira edición dos premios “ Galegos con  Estrela” e por suposto a degustación de produtos galegos de PescadeRías, elaborados polos chefs do restaurante Tomiño e  maridados cos viños de Altos de  Torona,  Regina  Viarum e  Viña  Costeira. Ademais, os asistentes puideron probar a cervexa Estrela Galicia e 1906, sidra  Maeloc e tamén Café Candeas. No menú deste último evento non faltaron produtos tan tipicamente galegos como a empanada de  zamburiñas, os pementos de padrón e unha tapa de  rodaballo, elaboradas con monovarietais de Aceites Abril.

O broche de ouro do Galician Cinema & Food Festival foi a elaboración dunha queimada co seu correspondente esconxuro, un dos momentos que, ano tras ano, ten máis éxito entre o público norteamericano.

Comparte...