Galician Gourmet Extravaganza, un tour gastronómico dos productos “marca Galicia” fora das nosas fronteiras

Galician Gourmet Extravaganza, un tour gastronómico dos productos “marca Galicia” fora das nosas fronteiras

A iniciativa quere crear unha fronte común para abrir os produtos galegos á exportación

Co obxectivo de visibilizar fóra das nosas fronteiras o gran nivel que alcanzou a gastronomía galega e levar os produtos “marca Galicia” ás principais capitais do mundo creouse Galician Gourmet Extravaganza, un tour gastronómico a medio camiño entre a misión comercial e a cultural impulsado polas Cámaras de Comercio e o IGAPE co obxectivo de abrir unha fronte común para a exportación dos produtos galegos de calidade combinados cunha gastronomía creativa e innovadora que non renuncia ás súas raíces. O Galician Gourmet Extravaganza pretende así, segundo a organización, “converterse no buque insignia da gastronomía gourmet galega”.

A iniciativa está conducida baixo a batuta gastronómica dos chefs Santi Almuiña e Diego López, orientadados cara á cociña internacional de nova tendencia e experto en cociña saudable, respectivamente. Xunto a eles produtores e restauradores gourmet de todo o territorio galego, desde pequenas e medianas empresas até indicacións e denominacións xeográficas protexidas de carne, viño, destilados, auga de mar… Até a data, o tour está integrado por máis de vinte e cinco produtores e restauradores pero até o 15 de setembro manteñen aberta a posibilidade de adherir a outros produtores. A única condición para participar no Galician Gourmet Extravaganza, aclaran os seus promotores, é a excelencia.

Primeira capital, a do Reino Unido

Londres é a primeira parada deste tour gastronómico, en concreto o hotel Melia White House, que acollerá, do 15 ao 18 de outubro esta feira-exposición de produtos gourmet marca Galicia. Durante ese catro xornadas, os londinienses terán a oportunidade de valorar un menú degustación creado ex profeso para o tour, bautizado como Don´t assume (Non supoñas); oito pratos desenvolvidos polo chef Santi Almuíña que buscan sorprender, e non só ao padal. Esta será a primeira parada á que lle seguirá Nova York (marzo 2016), Dubái, Shanghái, Sídney e Tokio.

Comparte...