La Galiciana vestirá a súa fachada cun mural de Sargadelos

La Galiciana vestirá a súa fachada cun mural de Sargadelos

O Mercado Gastrogalaico La Galiciana asinou coa Fábrica de Cerámica de Sargadelos para realizar un singular mural de porcelana para a fronte do mercado gastronómico da rúa de Gómez Ulla. Así, o mercado que conta abrir ao púlbico en abril, contará cunha gran fachada mural de máis de 16 metros de ancho e 4 metros de alto, cuberta por placas de porcelana, que é a mesma coa que se fai a emblemática vaixela galega.

Segundo o xerente de La Galiciana, Benigno Sánchez, quixeron “dotar á nosa fachada de personalidade a través dun exterior de simboloxía galega que sexa unha representación da súa esencia e do seu interior, con motivos figurativos das actividades que o abastecerán de produtos de primeira calidade e que son o sustento da riqueza identitaria galega, coma a pesca, o marisqueo, a agricultura ou a viticultura” .  Sargadelos xa comezou co traballo de deseño do mural empregando e espérase que dea inicio ás tarefas de montaxe da fachada a principios de marzo.

Para a confección de dito mural empregaranse tres cores: dúas tonalidades de gris, -un máis escuro para perfilar as figuras e outro máis claro para o fondo-, e o característico azul cobalto de Sargadelos. “A decoración aplícase baixocuberta, por debaixo da capa vitrificante que protexe a peza, polo que non se verá afectada polas inclemencias meteorolóxicas nin o paso do tempo. A técnica empregada é a do estarcido que consiste en facer pasar a pintura cun aerógrafo a través dunhas plantillas recortadas cas formas que queremos debuxar, as zona cubertas quedan brancas e os motivos quedan marcados na cor que se lle aplica ”, explica Alberto Moreda, Director de Marketing y Ventas de Sargadelos.

Moreda engade que “ para o deseño do mural inspirámonos pola propia actividade do Mercado. Tratamos de representar o dinamismo dun mercado acudindo dunha forma simbólica e ambivalente ás distintas actividades que o abastecen de produto. Así podemos ver, intercalados polo medio dun fondo xeométrico abstracto, a xente mariscando, pescando, loitando co mar ou ben traballando na terra, cultivando o produto, colleitando os seus froitos, sempre podendo variar a súa interpretación segundo o prisma que empreguemos”.

Comparte...