Gallaecia resalta a capacidade de garda dos viños de Rías Baixas que optan aos seus premios

Gallaecia resalta a capacidade de garda dos viños de Rías Baixas que optan aos seus premios

A Asociación de Sumilleres catou para o concurso un 10% máis de viños, un total de 194 marcas, de entre os que pasarán á fase final aqueles que superen os 85 puntos

A Asociación de Sumilleres Gallaecia continúa as catas de primeira fase do seu concurso Distinguidos Gallaecia. Nesta ocasión a quenda foi para o D.O Rías Baixas, onde 23catadores divididos en 4 paneis de cata foron os encargados de avaliar un total de 194 marcas desta denominación de orixe, un 10% máis que na edición anterior.

Tanto a súa marcada acidez como a súa diversidade e capacidade de garda foron algunhas das características que o presidente desta asociación, Luís Paadín, destacou dos viños catados, na súa maioría da anada 2014 pero tamén houbo mostras doutras anadas, tanto brancos como tintos e espumosos.

“O potencial de envellecemento vén cun valor engadido enorme porque permitiría ofrecer en hostalaría unha carta de viños con diferentes colleitas. Aquí non se ven, pero no resto de Europa, si”, afirmou Paadín, que destacou o potencial de variedade, terroirs e tecnoloxía existente que lles permite seguir mellorando na calidade destes viños.

Aqueles de os viños catados que superen os 85 puntos tanto desta como do resto das denominacións de orixe vitivinícolas galegas pasarán á fase final, que se desenvolverá os días 31 de agosto e 1 de setembro en Lugo. Nesta etapa decisiva avaliaranse, segundo adiantou Paadín, “viños de mercado, que se conseguen a través de distribución ou en tendas especializadas”. Para a súa valoración utilizarase un panel de cata máis reducido, con 6 membros da Asociación de Sumilleres Gallaecia e 6 técnicos dos distintos consellos reguladores que hai en Galicia. O resultado dos viños gañadores darase a coñecer o propio martes 1 de setembro.

Comparte...