“GASTRONOMÍA PEDAGÓXICA”, APRENDENDO A COCIÑAR

“GASTRONOMÍA PEDAGÓXICA”, APRENDENDO A COCIÑAR

A Gastronomía Pedagóxica é unha actividade extraescolar coa que se aprende a cociñar dun xeito práctico e divertido. Nun grupo reducido, os alumnos interactúan co cociñeiro-profesor e póñense á acción dende un primeiro momento.

O compostelán Instituto Rosalía de Castro é o primeiro lugar onde se puxeron en marcha as súas aulas, se ben os seus impulsores queren estendelas a outros centros de estudos, asociacións ou á programación sociocultural levada dende os concellos.

Esta actividade axuda a crear unha cultura de hábitos de consumo alimentario saudables e amosa a cociña coma un lugar de diversión cheo de sorpresas, no que traballar en equipo e sen distinción de xénero.

Preténdese potenciar que os asistentes poidan desenvolverse na súa vida diaria nos fogóns, o coñecemento do medio e a posta en valor do produto máis próximo; sen desbotar que sexa unha opción laboral de futuro a ter en conta.

O calendario de clases deste “bautismo gastronómico” é diverso. Iniciación á dieta atlántica, sobremesas sinxelas, cociña miúda saudable, as froitas, os batidos e as merendas… son algunhas das súas leccións.

A organización aporta toda a loxística para a posta en marcha dunhas aulas que son facilmente adaptables a outros colectivos, como os adultos que queren afondar na súa relación coa cociña.

As aulas gastronómicas son unha actividade impulsada polas empresas Mr. Turismo e Trevisani e contan co asesoramento dun equipo multidisciplinar na súa planificación.

Comparte...