Gastronomía e Artesanía de Galicia e Norte de Portugal, un libro recomendable e descargable

Gastronomía e Artesanía de Galicia e Norte de Portugal, un libro recomendable e descargable

Na recente edición do Salón Xantar presentouse Gastronomía e Artesanía de Galicia e Norte de Portugal, obra de Francisco J. Gil, publicada pola Deputación de Ourense.

Trátase dunha “Guía de produtos tradicionais de excelencia da Eurorrexión”, como sinala o seu subtítulo, moi completa e recomendable, coa particularidade de que está redactada en castelán e portugués e de que se pode descargar de balde, en diversos formatos, dende Internet.

A guía recolle nas súas máis de 300 páxinas toda a riqueza dos distintos produtos, nun formato de fichas que recollen tipoloxía, descrición, localización xeográfica, características específicas, breve recensión histórica, relación de produtores, puntos de venda e outros datos de interese.

A obra divídese nas seguintes seccións: froitas e hortalizas; peixes, crustáceos e conservas; razas autóctonas e produtos cárnicos de aves, bovinos, caprinos, ovinos e porcinos; queixos e mel; panadaría e doces tradicionais; aceites, olivas e vinagres; augas minerais; viños con denominación de orixe, augardentes e licores vínicos; artesanía e industrias tradicionais.

Esta guía foi redactada no marco do proxecto “Eixo Interior”, no que participan a Deputación de Ourense, o Eixo Atlántico, os concellos do Barco e de Sarria e a Cámara Municipal de Barcelos (Portugal). Para a súa elaboración contouse con numerosos socios institucionais e a financiación, nun 75%, dos Fondos FEDER da Unión Europea.

Comparte...