Gastronomía e cine mestúranse no Festival de Cans

Gastronomía e cine mestúranse no Festival de Cans

O Festival de Cans, que se celebra en Porriño (Pontevedra), desde este xoves ata o domingo 27 de maio, contará un ano máis cunha ampla oferta gastronómica. A etiqueta Galicia Calidade organiza diferentes degustacións e colabora na organización deste festival de curtametraxes. Así, Galicia Calidade pretende promocionar a gastronomía galega e os seus produtos certificados no Festival de Cans.

Nos actos patrocinados polo selo Galicia Calidade, o barista Óscar de Toro, que ademais foi recentemente galardoado como o mellor tirador de cervexa de Galicia e o terceiro do mundo, realizará unha degustación de café previa á celebración de dous coloquios cinematográficos.

Ademais, o chef Kike Piñeiro, propietario de A Horta do Obradoiro e recentemente recoñecido como Big Gourmand, será o responsable de preparar a comida e a cea oficial. Os menús, estarán elaborados con produtos das empresas co selo de Galicia Calidade, entre as que se atopan Coren, Jealsa, Torre de Núñez ou A Pementeira. A comida estará maridada cos viños de HGA Bodegas, concretamente coas súas marcas Altos de Torona e Regina Viarum.

Desta maneira Galicia Calidade volve estar presente na XV edición do Festival de Cans, reivindicando o papel deste selo de calidade e a importancia de contar con produtos certificados na cociña. Galicia Calidade conta na actualidade con 104 empresas e máis de 350 produtos e servizos certificados.

A gastronomía terá un papel destacado no Festival xa que serán máis as propostas que se inclúan no cartel. Así Lucia Freitas, cociñeira do Grupo Nove e o chef Beni Couso ( do restaurante Patouro) preprarán unhas “Tapas de cinema”, que os asistentes poderán degustar. Unha aposta por incorporar a este festival de curtas outras propostas que maridan á perfección co cinema.

 

Comparte...