A gastronomía, protagonista no festival PortAmérica de Caldas

A gastronomía, protagonista no festival PortAmérica de Caldas

No mes de xullo a vila termal de Caldas de Reis é a protagonista dunha nova edición do Festival Cultura Quente, unha manifestación singular de expresión e compromiso impulsada polo Concello para implicar a todos os sectores sociais nun proxecto de desenvolvemento local.

O seu nome fai referencia tanto ao carácter das augas termais de Caldas como á idea de cultura comprometida, viva e participativa que está sempre presente na súa programación.

Arranca o 3 de xullo e inclúe propostas como talleres de graffiti, beatbox, breakdance…, actividades para fomentar a Igualdade no Centro de Información da Muller, a mostra Cultura do Viño D.O. Rías Baixas, un concurso de cata das adegas participantes, encontros de bandas de gaitas ou bandas de música, un curso de iniciación ao Clown e por suposto, Kaldarte, o seu veterano proxecto de arte pública desenvolvido polos alumnos da Facultade de Belas Artes, manifestación artística coñecida e moi valorada fóra das nosas fronteiras.

Cultura Quente acolle ademais este ano na súa lexendaria Carballeira os 3 días de Festival PortAmérica, que terá lugar entre o 13 e o 15 de xullo.

A gastronomía é, por suposto, outra das grandes protagonistas do festival: o ShowRocking bautizado nesta ocasión especial comoCociñando na Fin do Mundoo conformarán un ano máis un nutrido grupo de chefs internacionais procedentes de Latinoamérica e contará ademais con ampla representación galega de recoñecido prestixio: Estrelas Michelin e Soles Repsol, que, comisionados por Pepe Solla, farán as delicias do público. Así, o xoves 13 abrirá este espazo unha selección do prestixioso Grupo Nove.

Pero tamén xoves promesas da gastronomía galega, novos valores que están promovendo e difundindo a nosa tradición culinaria. É o caso de Pablo Pizarro (Bocanegra, A Coruña), Alberto Lareo (Manso, Santiago) ou do caldense Jorge Gago (A Maceta, Santiago), recentemente recoñecido co Premio Cociñeiro Novo 2017 no Fórum Gastronómico de A Coruña,  que son, xunto a chefs xa coñecidos do ShowRocking como Roberto Ruiz (Punto MX, Madrid), Estanis Carenzo (Chifa, Madrid), Edgar Núñez(SUD777, México DF) ou Javier Estévez (La Tasquería, Madrid), os primeiros confirmados para esta edición.

Como vén sendo habitual, non faltarán as actuacións sorpresa no escenario ShowRocking, sen dúbida un dos “imprescindibles” do PortAmérica.

Comparte...