Galician Cinema & Food Festival 18

A gastronomía galega viaxa a Nova York da man de Lucía Freitas no festival ‘Galician Cinema & Food Festival’

O próximo 24 de xuño arrinca en Nova York a quinta edición “Galician Cinema & Food Festival”, o maior evento de promoción da nosa comunidade nos Estados Unidos en palabras da oficina de Turismo de España en USA, e que levará á “Gran Manzana” unha importante representación da gastronomía galega e as mellores marcas da comunidade.

O festival, que este ano contará con catro xornadas nos emblemáticos espazos do Instituto Cervantes e Cosentino City Manhattan, coincidirá ademais coa celebración da Fancy Food, a feira de alimentación máis importante do país. Deste xeito, GC&FF consolídase como o espazo fundamental para a promoción e posta en valor dos produtos e as marcas galegas no mercado estadounidense.

Lucía Freitas, embaixadora da gastronomía galega na Gran Mazá

A chef estrela Michelin Lucía Freitas poñerase á fronte do equipo de Tomiño, a taberna galega de moda en Manhattan, para facer chegar ao público neoiorquino unha boa mostra da gastronomía da nosa comunidade. Así a chef compostelá , que será a primeira muller  que cruzará o charco para capitanear o ámbito gastronómico do GC&FF, ofrecerá un exclusivo showcooking protagonizado polos produtos de pescadeRías para distribuidores profesionais e prensa especializada o día 24 en Cosentino City; e poñerase ao mando da degustación con produtos galegos “ The Taste of the Way Day” (“O sabor do Camiño”) que se servirá a preto de 150 persoas no patio do Instituto Cervantes na xornada do 25 de xuño.

Estrella Galicia, unha das marcas de referencia en Galicia e patrocinadora do evento, terá tamén o seu espazo en Galician Cinema & Food Festival cun “ Beer Culture Session” que acollerá Cosentino City o mércores 26 de xuño. Distribuidores, hostaleiros e prensa especializada poderán gozar dun taller divulgativo de cultura cervexeira que se acompañará dunha degustación das cervexas da compañía maridadas con produtos galegos.

Máis aló da cervexeira, o evento conta tamén co patrocinio de Aceites Abril, que realizará unha maridaxe sobre o menú cos seus principais aceites; e Café Candelas, que levará á “Gran Manzana” un despregamento dos seus mellores baristas. A estas marcas súmanse tamén  as adegas  HGA con Regina Viarum e Altos de Torona, e varios representantes da industria conserveira galega.

A nivel institucional, Galician Cinema & Food Festival conta ademais co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo, así como do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca da Unión Europea, pescadeRías, e a Secretaría Xeral de Emigración.

O Camiño de Santiago protagoniza a parte cinematográfica do festival

Como o seu propio nome indica, Galician Cinema & Food Festival non é só gastronomía. Nesta quinta edición do festival  os organizadores souberon valorar o peso do próximo ano Xacobeo 2021 para nomear á súa sección cinematrográfica como “ The Way Film Day”. Así, o xoves 27 de xuño e como broche de ouro ao festival proxectarase o documental “ Strangers on the Earth – A Journey on the Camiño de Santiago” do director Tristan Cook, tras o que se celebrará un coloquio cos invitados no Instituto Cervantes. O documental estenderá a súa emisión nos centros galegos de New York e New Xersei xunto coa proxección de “Walking the Camino” da cineasta Lydia Smith.

A esta xornada súmase a entrega do premio Emigrante do Ano “Galegos con Estrela”, que a Consellería de Emigración outorga este ano á neurocientífica Susana Martínez Conde; e a exposición  fotográfica “ The way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage” de Manuel Valcárcel.

Comparte...