Gastronomía e artesanía volven cooperar en Madrid con ‘Saberes e Sabores’

Gastronomía e artesanía volven cooperar en Madrid con ‘Saberes e Sabores’

Imaxe: Artesanía de Galicia

Desde hoxe e ata o próximo 3 de xuño, o mellor da gastronomía e a artesanía de Galicia mestúranse en Madrid. Será na segunda edición do “Pop Up Galicia. Saberes e Sabores”, que estará situado no Palacio de Santa Bárbara da capital e no que compartirán espazo produtos gastronómicos, talleres e  showcookings.

En total serán máis de 50 profesionais da artesanía galega os que participarán neste evento, organizado pola Fundación Artesanía de Galicia. A idea é presentar unha selección de pezas de artesanía e representar produtos gastronómicos  gourmet. Así, na parte gastronómica haberá catas, degustacións e mesmo un menú de especialidades galegas. No evento participarán empresas galegas como Vermú  Petroni,  Quesería  Daniberto, Panadería Divina ou Adegas Castrobrey.

Un dos elementos gastronómicos máis fortes de “Saberes e Sabores” son os  showcookings.  Así cociñeiros como Lucía  Freitas (do restaurante A  Tafona), Iñaki  Bretal (O Eirado da Leña), Juan Crujeiras (Restaurante Bido), os tres pertencentes ó prestixioso Grupo  Nove, realizarán distintas elaboracións durante a próxima semana.  O chef Jorge Gago, do restaurante A Maceta realizará un  showcooking con maridaxe de viños D.O. Valdeorras.

Ademais o luns 28 haberá unha cata comentada titulada “ Irmáns de  leite” na que se mostrarán os queixos galegos con D.O: Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro. O sábado 2 de xuño realizarase tamén unha cata comentada con viños da D.O. Valdeorras.

A tenda Pop Up Galicia. Saberes e Sabores estará aberta de luns a xoves de 12:30 a 21:30,  os venres e sábados de 12:00 a 23:00 e os domingos de 12:00 a 21:30 horas. O programa completo para consultar os horarios e inscribirse nas actividades está dispoñible online.

Comparte...