Godeval homenaxea co seu novo viño ao proxecto de recuperación do godello dos anos 70

Godeval homenaxea co seu novo viño ao proxecto de recuperación do godello dos anos 70

A histórica adega valdeorresa, pioneira na recuperación desta variedade de uva, lanza ao mercado nova marca, froito dun proxecto de I+D en colaboración coa EVEGA

A mellora na elaboración do viño godello e a procura de novos compostos aromáticos guiaron a creación do novo viño de Godeval, Godeval Revival, que a adega valdeorresa, pioneira na recuperación desta variedade de uva, presentou en Compostela. Revival é unha serie limitada dun total de 6600 botellas cuxo nome nace da investigación e da homenaxe ao proxecto RE.VI.VAL (Recuperación de Viñedos de Valdeorras) que nos anos 70, impulsado por Horacio Fernández, entón Xefe Comarcal do Servizo de Extensión Agraria e logo fundador de Godeval, permitiu a recuperación desta aromática variedade de uva.

Un novo viño que xorde da selección de uvas procedentes dun do viñedo máis antigo de Godeval, a leira Pancho, con parras de algo máis de 30 anos de antigüidade e pouco rendemento, máximo 4.000 quilos por hectárea e ano. Durante máis de dous anos levou a cabo nesta leira o “Estudo de diferentes tempos de criomaceración para a mellora da elaboración de viño godello”, un proxecto de I+D impulsado en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, EVEGA, co obxectivo de determinar o tempo óptimo de maceración a baixas temperaturas para extraer as mellores calidades desta variedade.

Marcada personalidade

A partir dos resultados obtidos comezouse a elaboración do Godello Revival 2014, que sae ao mercado con 12 horas de criomaceración de mosto de godello, o que lle permite demostrar unha intensidade, persistencia e acidez equilibrada onde os aromas cítricos destacan sobre a froita branca e os recordos vexetais. Envolvente e de gran personalidade, seguramente estamos fronte a un viño que demostrará unha gran evolución en botella.

A presentación de Revival contou cunha cata comentada a cargo de Mercedes González nun acto no que tamén participaron a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, así como o director da EVEGA, Juan Manuel Casares e un enólogo da adega, José Luís Bartolomeu. O novo viño convértese así na terceira marca desta histórica adega do D.O Valderorras, xunto con Godeval e Godeval Cepas Vellas.

Comparte...