Vigo SeaFest

Gran éxito do Vigo SeaFest, con máis de 70000 visitantes

Éxito rotundo na primeira edición de Vigo SeaFest, o gran festival organizado pola Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) para exaltar a gastronomía e a cociña con produtos do mar os pasados días 7, 8 e 9 de xullo.
Tras tres intensas xornadas repletas de actividades, que se celebraron na zona do Náutico de Vigo, o balance desta primeira edición do Festival ARVI do Peixe non podería ser máis positivo: os 25 postos de comida habilitados para a ocasión serviron 6.500 quilos de produtos do mar, tanto fresco como conxelado, para máis de 70.000 visitantes.
Así o manifestou o presidente da organización, Javier Touza, que considera a gran afluencia de público como un agradecemento da cidade por ter “conseguido abrir Vigo ao mar“. As actuacións musicais, patrocinadas por Estrella Galicia, as actividades deportivas e os talleres infantís tamén tiveron unha gran acollida. O director técnico do evento, Alberto Alonso, asegurou lograr o obxectivo “de encher de actividade e participación o espazo durante tres días”.
O obxectivo do festival pasaba promocionar, cunha gran festa de exaltación do produto, as propiedades nutritivas do peixe e a necesidade de incluír a proteína marítima nunha dieta completa e equilibrada. Ademais, tratouse de divulgar entre os consumidores as propiedades culinarias de especies pouco coñecidas como a melva, a maruca e a lampuga; peixes que foron cociñados en directo, entre outros, por diferentes chefs que prepararon receitas exclusivas para o evento e que gustaron moito aos asistentes.
A ARVI, unha das principais organizacións pesqueiras de toda a Unión Europea, mobilizou para a posta en marcha deste evento a máis de 1000 persoas entre deportistas, provedores e persoal de produción. Contou, ademais, con 37 colaboradores oficiais, 9 patrocinadores oficiais, 7 patrocinadores institucionais e 26 colaboradores de apoio, que posibilitaron a posta en marcha dun festival único e de gran magnitude.
A cidade de Vigo, sede do evento, conta co principal porto de Europa para a pesca de consumo humano. Nel móvense máis de 800.000 toneladas de peixe, que xeran un volume de negocios de preto de 1000 millóns de euros.

Comparte...