Gran interese nacional e internacional polos viños da DO Ribeira Sacra

Gran interese nacional e internacional polos viños da DO Ribeira Sacra

A sede del Consello Regulador da Ribeira Sacra recibiu a visita de Lavinia. Asistiron o director en España, Juan Manuel Bellver, e Sara Martín, responsable de Producto. Os representantes de Lavinia puideron catar 85 viños de diferentes tipos, tintos, brancos e en barrica de 36 adegas diferentes. A pretensión é a de ampliar a oferta en canto á gama de viños de Ribeira Sacra nas súas tendas tanto de España como de Francia, xa que cada vez os viños de Ribeira Sacra “son máis demandados polos seus clientes”, segundo informaron.

Lavinia posúe 10 puntos de venda en Europa, máis de 250.000 clientes ao ano nas súas tendas, comercializan máis de 1.500.000 botellas de viño  con máis do 50% do negocio enfocado aos mercados profesionais (B2B e Horeca). Lavinia naceu en 1999 para presentar un concepto novidoso no ámbito da distribución do viño: un espazo que supera o modelo da enoteca tradicional porque aborda o tratamento do viño desde unha perspectiva cultural, enfocada ao consumidor final cunha filosofía na que conviven os aspectos pedagóxicos, a experiencia de compra e o respecto polo viño: unha empresa de formato replicable, que actúa como “descubridora” do viño e divulgadora de marcas e rexións descoñecidas, a través dunha oferta ampla, co valor engadido de servizos que van máis alá da venda propiamente dita.

Ao finalizar a cata, o director de Lavinia España, Juan Manuel Bellver, comentaba que “Ribeira Sacra é unha denominación que nos gusta moito, que está progresando a pasos axigantados tanto en brancos como en tintos”. Engadiu que, desde a súa faceta de comerciantes en Madrid, “gústanos ser embaixadores das D.O. emerxentes e dos pequenos viticultores máis artesáns, os que apostan pola terra, pola froita e pola identidade dunha rexión por enrima das modas. Aquí atopamos varias adegas que atenden a ese perfil”.

Bellver di que “valoramos moito os esforzos que fan os viticultores mozos por recuperar viñedos que están en perigo e por reivindicar as castas autóctonas. Aconsellamos que teñan coidado co deseño de etiquetas, que teñan coidado coa maduración dos tintos, co exceso de sulfuroso das brancas e que sempre busquen a froita, a frescura e a facilidade de beber por riba de todo”.

A DO Ribeira Sacra, en Burdeos

Ademais, o Consello Regulador Ribeira Sacra acude por primeira vez á feira internacional de “Vinexpo“, que se celebra en Burdeos do 18 ao 21 de xuño e que conta co aliciente de que este ano o país homenaxeado será España. O cometido do Consello Regulador é o de promocionar todos os viños da D.O. Ribeira Sacra, cada vez máis demandados nos mercados internacionais.

Vinexpo, ten un carácter bienal e converteuse xa na segunda feira do viño máis importante do continente europeo, soamente superada por Prowein, en Düsseldorf (Alemaña) á que a Denominación de Orixe tamén acode cada ano.

As adegas que participan no Túnel do Viño do stand do Consello Regulador son:

  • Bodegas de Rectoral de Amandi S.A.U.
  • Victor Manuel Rodriguez Lopez – Val da Lenda
  • Ronsel do Sil S.L.
  • Finca Millara Bodegas y Viñedos S.R.L.
  • Regina Viarum S.L.
  • Carlos Fernandez Rodriguez – Viña Frieira
  • Pilares De Belesar S.L.
  • Manuela Valdés Pérez – Tear
  • Dominio Do Bibei S.L.
  • Tolo Do Xisto S.L.
Comparte...