“Grandes descoñecidos”: As propiedades culinarias da melva, a maruca e a lampuga

“Grandes descoñecidos”: As propiedades culinarias da melva, a maruca e a lampuga

Cunha exhibición de cociña do chef Jesús Méndez, de La Trastienda del Cuatro, realizáronse as actividades culinarias da terceira e última xornada do Festival ARVI do Peixe-Vigo SeaFest, organizado pola Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo, que se celebrou nos Xardíns de Elduayen (Zona Náutico). Dentro da campaña de promoción “Grandes Descoñecidos”, que divulga entre os consumidores as propiedades culinarias e nutritivas de especies pouco coñecidas e/ou de baixo valor comercial, a melva foi a protagonista dunha das xornadas.

Méndez cociñou ante o público “Tabulé de melva á chama”, o prato que se serviu no stand de “Grandes Descoñecidos”. Os días anteriores o protagonismo foi para a maruca (o venres) e para a lampuga (o sábado), con sendas receitas que sorprenderon ao público tanto pola súa elaboración como polo seu sabor e textura. Méndez preparou para a última xornada de Vigo SeaFest ao redor de 50 kilos de melva, unha especie de túnido, de fisonomía similar á do bonito, que admite preparacións diversas (tataki, tartar, ‘tiradito’…), adaptadas á parte da melva que se desexe cociñar. Para a preparación do “Tabulé de melva á chama”, o chef utilizou a técnica lañado, consistente en introducir o peixe en sal e azucre para quitarlle a humidade e conseguir unha textura máis tersa. A melva acompáñase cun cuscús especiado co “ras el hanout”, unha combinación de máis de 20 especias, aliñada con cítricos.

Dentro da campaña de promoción de “Grandes Descoñecidos”, tamén tivo lugar unha exhibición de cociña de maruca que realizou o chef Alberte Gutiérrez, do restaurante Hierba Luisa no Pavillón ARVI. Moitas foron as persoas interesadas polas especies descoñecidas, o seu hábitat e a súa pesquería, así como pola iniciativa de poñelas en valor mediante preparacións que combinan o saber facer tradicional con novas técnicas e ingredentes diferentes.

“Grandes Descoñecidos” é unha campaña que desenvolven desde primeiros deste ano tres asociacións do sector pesqueiro extractivo, de ámbito nacional e sen ánimo de lucro: ANAMER (armadores de buques conxeladores españois adicados principalmente á merluza, cefalópodos, gallineta, fletán negro e outras especies), ANAPA (armadores de buques pesqueiros que faenan ao palangre de superficie en augas dos oceános Atlántico, Índico e Pacífico e que conservan as súas capturas conxeladas) e ANASOL (armadores de buques pesqueiros que realizan a súa actividade en augas da Unión Europea, principalmente nas costas de Irlanda, Reino Unido e Francia).

Comparte...