Ines Abril, do Maruja Limón, e os “Nova” entran no Grupo Nove

Ines Abril, do Maruja Limón, e os “Nova” entran no Grupo Nove

O Grupo Nove, a agrupación galega de cociñeiros conta agora cun total de 25 destacados cociñeiros, que atesouran 9 Estrelas Michelin e 18 Soles Repsol

Os cociñeiros Dani Guzmán e Julio Sotomayor, do ourensán restaurante Nova, xunto con Inés Abril, do Maruja Limón en Vigo, ingresan no Grupo Nove. A incorporación realizarase oficialmente no marco dunha cea na que se reunirán todos os compoñentes de Nove.

Desde o Grupo Nove apuntan que, con estes tres novos membros: “O Grupo Nove quere pór en valor o aceno de identidade da Asociación, unha cociña emocional, experiencial, en constante transformación, co produto galego de calidade como alicerce fundamental deste proceso, sempre orientado á máxima satisfacción do cliente, a emocionalo, e cun profundo respecto á tradición e ao pequeno produtor que fornece a materia prima, pero imprimindo un selo persoal de creatividade cada un dos seus 25 chefs”.

Do mesmo xeito, refórzase a presenza feminina no colectivo. Inés Abril súmase a Beatriz Sotelo, copropietaria e chef do restaurante A Estación de Cambre, e Lucía Freitas, propietaria e chef do restaurante santiagués A Tafona.

Perfís dos cociñeiros facilitados desde o Grupo Nove

Dani Guzmán e Julio Sotomayor

Os dous cociñeiros creceron nun ambiente moi apegado aos fogóns, con grandes chefs nas súas familia, entre os que destaca a figura do Tito Guzmán. Os dous cursaron estudos no IES Vilamarín case de xeito simultáneo, e desde este punto empezaron o seu percorrido por diferentes restaurantes que foron espertando neles a paixón por esta profesión e perfilando a súa idea de cociña.

No caso de Daniel, foise moi novo á costa catalá, mentres que Julio entrou a formar parte do persoal do Restaurante Galileo preto da cidade de Ourense, máis tarde tomou as rendas do Mosteiro de San Clodio, en tanto que Dani pasaba tres anos no Restaurante A Rexidora de Ourense. Máis adiante, o destino volveu unilos no Restaurante Barandal en León.

Julio marchou posteriormente a Cataluña e traballou no Can Fabes de San Celoni, para terminar o seu periplo no Castell do Ampordá. Pola súa banda, Dani traballou con con Marcelo Tejedor e Iván Domínguez en Santiago, ademais de dedicarse á docencia e á gravación do programa “Ata a Cociña…” de V Televisión.

Durante este tempo, desde a distancia, empezou a xestarse a idea de montar un restaurante xuntos en Ourense, e así é como xorde Nova, materializado en agosto de 2012, restaurante que conta coa única estrela Michelin da provincia ourensá e un Sol Repsol.

A súa cociña é “sustentable e de raíces, baseada nunha tradición herdada dos maiores e recreada por ambos, cun protagonismo do produto de tempada, fresco, de inmellorable calidade, proveniente dos arredores e da costa”.

Inés Abril

Aínda que filóloga clásica de formación, a traxectoria profesional da cociñeira viguesa deu unha reviravolta, apostando claramente pola restauración, con estancias de diversa duración nas cociñas do Parador de Baiona FCT, no restaurante El Portal de Echaurren da Rioja posteriormente, máis adiante en Pastelería Montserrat de Vigo.

Nesta etapa, Inés foi gañadora do Campionato Galego de Cociñeiros e obtivo o primeiro premio no Campionato de Novos Restauradores en Madrid, ambos en 2008.

A súa traxectoria no restaurante Maruja Limón comeza no ano 2006 onde comparte fogóns con Rafa Centeo, onde ambos propoñen unha “visión fresca e limpa da gastronomía galega. Entenden que só respectando a nosa tradición e entendendo as nosas raíces podemos facer unha cociña creativa”.

A de Inés e Rafa é absoluta devoción polo produto de proximidade, fresco e estacional, e polos produtores e provedores de confianza que priman a calidade e a autenticidade.

O Maruja Limón conta cunha Estrela Michelin e dous Soles Repsol.

Comparte...