A Guía de Vinos de Galicia 2018 chega á súa sexta edición

A Guía de Vinos de Galicia 2018 chega á súa sexta edición

O martes 19 de decembro presentarase a sexta edición da Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia 2018, dirixida polo catador profesional Luís Paadín. O acto, que terá lugar no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos ás 10.30 horas, contará coa intervención de J. Manuél Rodríguez González, presidente da D. O. Ribeira Sacra.

A Guía de Vinos de Galicia 2018 chega na súa edición máis completa ata a data, facendo referencia a 540 adegas e destilerías; todas elas amparadas polas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas de viños, augardentes e licores de Galicia. Esta guía conseguiu o recoñecemento de xurado dos Gourmand Awards, que galardoan os 10 mellores libros de bebidas do mundo, obtendo o Premio Especial do Xurado 2017.

Descricións máis detalladas

A edición impresa conta con 384 páxinas a toda cor entre as que se poden atopar descritas 1.500 referencias, das cales 850 foron premiadas durante 2017. Ademais, inclúe un medalleiro histórico de cada un dos viños no últimos cinco anos. Como novidade desta edición, a guía inclúe mapas orixinais de cada Denominación de Orixe nas que se describen as condicións específicas de cada terreo. Con estes novos gráficos, infórmase o lector sobre a distribución das choivas no 2016, a altitude do terreo de cada Denominación, as súas temperaturas máximas e mínimas e mesmo a composición mineral de cada chan.

Os editores da guía tamén levaron a cabo un estudo pormenorizado que busca resaltar a identidade e peculiaridade que cada terruño confírelle ao viño. Durante o proceso desta edición, foron premiadas un total de 130 referencias da D. O. Ribeira Sacra, que é un 40% máis que na de 2017, entre 55 adegas pertencentes á Denominación. Cifras como estas reflicten a utilidade da guía para os profesionais do sector que, ano tras ano, fan crecer a súa popularidade.

Comparte...