A hostalaría de Santiago xa ten gañadores do seu concurso de petiscos Santiago(é)Tapas

A hostalaría de Santiago xa ten gañadores do seu concurso de petiscos Santiago(é)Tapas

A Tafona, Manso, O Afiador, A Moa, A Grella, Venecia, Artesana, Caney by Siro González, La Bodeguilla de San Roque e Susos foron os galardoados no certame de petiscos da hostalería santiaguesa

O concurso Santiago(é)Tapas deu a coñecer os premiados da súa sétima edición nun acto desenvolvido no Parador Hostal dos Reis Católicos, unha gran cita da hostalaría da capital de Galicia.

O Premio do xurado á Mellor Tapa 2014 foi para A Tafona, con Moengas, cogomelos e Touza Vella.

O primeiro premio á Tapa Creativa 2014 foi para Manso, con Sopa Express; o segundo premio á Tapa Creativa 2014 recaeu no Caney by Siro González, con Outono.

O primeiro premio á Tapa Tradicional 2014 foi para O Afiador, por Vaca3; o segundo premio á Tapa Tradicional recaeu  en La Bodeguilla de San Roque, con Quiche de lacón con grelos e queixo Arzúa-Ulloa.

O xurado profesional do Santiago(é)Tapas decidiu que o gañador ao Premio Tapa Estrella Galicia é A Moa, por “Perrito quente” de lebre como petisco que mellor marida coa cervexa 1906 Black Coupage

O Primeiro Premio Tapa do Público ´14 foi para A Grella, co seu petisco Brotes Verdes. Pola súa parte, Susos e a súa tapa Negro Lambón levaron o Segundo Premio de Tapa do Público 14.

O Premio (é)XCELENTE 2014 recaeu en Venecia e o Premio á Tapa con máis Chispa, da man de Coca Cola Iberian Partners, é para Artesana con Unha cunca de viño.

Na cita tamén se desvelaron as dúas fotografías gañadoras do concurso en redes sociais no que Turkish Airlines premiou a interacción e creatividade con viaxes de ida e volta a Turquía; e realizouse o sorteo para outra viaxe entre todos os que deixaron os seus datos no pousavos que serve para avaliar os distintos petiscos.

Un total de 69 establecementos embarcáronse neste concurso no que se presentaron 111 tapas distintas, que foron moi ben acollidas entre uns clientes que destacaron a súa calidade.

Servíronse un total de 31.000 petiscos a 2 euros. Esta cifra coloca nas 203.000 as tapas consumidas nos sete anos do certame. Fóra deste cómputo están as creacións servidas no Santiago(é)Noite, a oferta complementaria de hostalaría nocturna.

O certame Santiago(é)Tapas está promovido e organizado pola Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca; o seu Patrocinador Institucional é Turismo de Santiago; o seu Patrocinador Especial é a Denominación de Orixe Ribeiro, con seis referencias: Pousadoiro (Fernández Rodríguez, S.C.), Casal de Armán branco (Casal de Armán, S.L.), Beade Primacía (A Portela, S.A.T.), Alberte (Bodegas Nairoa, S.L.), Valdepuga (Valdepuga, S.L.) e Terra do Castelo Treixadura (San Roque, S.C.G.).

Santiago(é)Tapas conta tamén como patrocinadores con Cash Record e Coca Cola; como colaboradores especiais, ás cervexas 1906 de Hijos de Rivera e Turkish Airlines; e como colaboradores, a Abanca, Mercado de Abastos e Santiago (é) Noite.

 

Comparte...