Hostelería Compostela propón un espazo gastronómico para o mercado de Abastos

Hostelería Compostela propón un espazo gastronómico para o mercado de Abastos

Hostelería Compostela, representantes da Praza de Abastos, Incolsa e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, reuniranse o vindeiro mes de xaneiro para tratar de avanzar o futuro da nave 5 do  Mercado de Abastos de Santiago, despois dun encontro no que a dirección da asociación hosteleira presentou a súa proposta para crear un espazo gastronómico e cultural.

Aínda que o Concello de Santiago traballa no seu propio proxecto, Hostelería Compostela aspira a que a súa idea sexa a que se instale na nave 5 da praza. Dende a asociación defenden que se trata dun proxecto pensado “por e para a cidade” e que pivota “arredor dos produtos da praza de Abastos”.

O obxectivo é que esta nave se transforme en algo máis que “un mercado gastronómico” e, para iso, a asociación que aglutina ao sector hostaleiro aboga por facer desta un espazo no que se organicen todo tipo de accións de restauración, promoción, presentación de produtos…

É, segundo sosteñen dende Hostalería Compostela, unha proposta “pioneira”, “cun fin social”, que está “pensada e deseñada apoiándose nun equipo multidisciplinar moi potente”. Todo o proxecto e a actividade que se propón para desenvolver neste espazo baséase na “riqueza do produto de mercado e na divulgación da nosa cultura gastronómica”, indica a asociación.

Comparte...