A Xunta salienta as posibilidades do sector galego da horta

A Xunta salienta as posibilidades do sector galego da horta

En Galicia atópanse unhas 850 empresas adicadas á horta baixo cuberta

Segundo as cifras da Xunta de Galicia, no país existen unhas 850 explotacións profesionais de horta baixo teito, que contan con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros. Arredor da metade destas explotacións dispoñen, ademais, dunha superficie equivalente de produción ao aire libre.

As principais producións baixo cuberta son a leituga, o tomate, o pemento e o feixón verde, e case a metade das explotacións están agrupadas en cooperativas ou noutras figuras asociativas.

Unha visita da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, á bisbarra do Salnés foi o marco para que, dende a Xunta de Galicia, apunten ás posibilidades de crecemento para as hortalizas de calidade galegas.

En concreto, a visita dirixiuse á cooperativa Horsal, dedicada á produción e comercialización de hortalizas, e máis a Hortalizas Serafín y Carlos S.L. A conselleira quixo destacar o “apoio da Xunta ao cooperativismo e á aplicación da investigación ás producións agrarias, como fórmula para lograr que o valor que se xera ao longo da cadea produtiva repercuta sobre todo nos agricultores, que son a clave do proceso”.

Horsal e Serafín e Carlos S.L.

Horsal é unha cooperativa fundada no ano 1986 que se dedica á produción hortícola e que, na actualidade, está formada por 145 socios que poñen en conxunto unhas 28 hectáreas de produción. No ano 2009 foi recoñecida como unha Organización de Produtores de Froitas e Hortalizas (OPFH) e inscrita como tal no Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Unha OPFH é unha agrupación de produtores dedicados ás froitas e hortalizas que constitúen unha entidade con personalidade xurídica propia en forma de cooperativa, sociedade agraria de transformación (SAT) ou semellante, para reducir custes, programar a produción e adaptala á demanda do mercado. Horsal é membro de AGACA a asociación de cooperativas  agroalimentarias gallegas.

Pola súa banda, Serafín e Carlos SL recibiu o apoio da Xunta, como proxecto produtivo, dentro das iniciativas impulsadas ao abeiro dos Grupos de Desenvolvemento Rural. Concretouse nunha achega de preto de 90.000 euros para financiar as reformas precisas da nave existente así como a incorporación de instalacións e maquinaria de proceso, co fin de potenciar a venda de produtos hortofrutícolas da zona e os adquiridos noutros mercados nacionais e/ou internacionais. Este investimento supuxo a creación de 2 postos de traballo, segundo a administración.

Comparte...