Iago Castrillón optará ao premio Cociñeiro Revelación en Madrid Fusión 2013

Iago Castrillón optará ao premio Cociñeiro Revelación en Madrid Fusión 2013

Iago Castrillón, chef do restaurante compostelán Acio, será un dos candidatos ao premio Cociñeiro Revelación que se concederá no marco da próxima edición de Madrid Fusión, que terá lugar do 21 ao 23 de xaneiro de 2013.

Para o chef lucense afincando en Compostela a nominación é “un paso máis na nosa traxectoria e unha mostra de que a xente valora o que facemos e de que estamos nun camiño correcto polo que debemos seguir. Solo estar nominado é xa importante

Castrillón é un dos cociñeiros máis destacados do panorama actual da cociña compostelá e galega dende que en febreiro de 2008 abriu o restaurante Acio, xunto coa súa muller, Eva, que exerce as súas funcións na sala e como sumiller.

A cociña de Iago é moi persoal e centrada no produto local e de temporada, inda que con chiscadelas ás técnicas orientais ou á cociña mediterránea, seguramente influenciado pola orixe valenciana de Eva.

En 2008 Iago Castrillón deu a coñecer a súa mestría nos fogóns coa tapa gañadora da primeira edición do concurso de tapas de Santiago, o Santiago(é)tapas: a sardiña de San Xoán. Sardiña, pan, pementos de Padrón e aceite foron suficientes para compoñer unha tapa que, pasados os anos, volve á carta todos os veráns porque os clientes continúan pedíndoa.

Por outra parte o cociñeiro amósase moi interesado no emprego de produtos mariños en preparacións atípicas, coma o chourizo de polbo que presentou a finais de 2009 ou a morcilla de bonito de 2012, entre outras preparacións.

Comparte...