Volven as Xornadas de Degustación e Maridaxes con Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

Volven as Xornadas de Degustación e Maridaxes con Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

Cambados acolle o sábado 14 e domingo 15 a terceira edición das Xornadas de Degustación e Maridaxe das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, unha iniciativa impulsada polo Consello Regulador das Augardes e Licores Tradicionais de Galicia en colaboración co concello de Cambados que servirá para achegar estes produtos e as súas posibilidades de uso e consumo ao público xeral a través de varios showcooking, taller de cata, sesión de coctelería e túnel de augardentes e licores que compoñen a programación destas xornadas.

A cita será novamente no Salón José Pena de Cambados, en horario de tarde no caso do sábado, cando se celebrará a apertura de portas, a partir das 17h e, a continuación, procederase ao desenvolvemento dun Taller de cata que impartirá Sonia Otero, de Viña Branca do Salnés e membro do panel de cata do CRIIXX Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Seguidamente, ás 18.30 horas, o barman Ángel Camiña protagonizará un showcooking no que elaborará novos cócteles con augardentes e licores amparados e que se maridarán cos produtos da Asociación de Repostaría Tradicional Melide Doce, un produto que participa por vez primeira nestas xornadas. O presidente desta agrupación, Alberto Rodríguez, será o encargado de explicar aos asistentes as principais bondades destas deliciosas sobremesas.

Xa para o domingo, está prevista a apertura de portas do Salón José Pena ás 11.00 horas. Pouco despois, terá lugar un novo showcooking, que contará coa presenza dos chefs Mark Wernink (do Casino A Toja) e Francisco Castro (do Hotel La Toja) e do barman Ángel Camiña. Ambos os cociñeiros prepararán pratos que contarán entre os seus ingredientes coas Augardentes e Licores de Galicia e que despois se maridarán cuns cócteles preparados especialmente para esta ocasión.

Durante o transcurso das xornadas haberá tamén un túnel das augardentes e os licores tradicionais de Galicia na planta baixa do Salón José Pena, de acceso libre. “Os asistentes poderán ver e degustar practicamente todas as marcas amparadas por esta indicación xeográfica. Varias delas non se atopan nos puntos de venda habituais?” indicaron desde o Consello Regular de Bagazo de Galicia. Para participar no resto de actividades, aínda que tamén son gratuítas, si é necesario facer reserva xa que as prazas están limitadas a 50 no caso dos showcookings e 60 no taller de cata. Para asistir, hai que inscribirse na Oficina de Turismo de Cambados a través do teléfono 986 520 786 ou no e-mail turismo@cambados.es.

Comparte...