Xornadas de cinema, viño e cultura no Riquela (Santiago)

Xornadas de cinema, viño e cultura no Riquela (Santiago)

O compostelán bar Riquela convértese nun espazo para a cultura e o goce do viño o vindeiro mércores 14

As Xornadas de Cinema, Viño e Cultura, que terán lugar o mércores 14 de marzo ás 20 horas no bar Riquela, evocarán o Berlín da época da República de Weimar, epicentro da cultura occidental e un laboratorio no que se experimentaron novas formas de arte, de liberdade de costumes e de maneiras de entender a vida.

No Riquela, os profesores Xavier Castro e Xoán Luaces-Fandiño adentraranse cun enfoque multimedia, no ambiente cultural berlinés coa axuda de documentais como Berlín, sinfonía de una gran ciudad (1927).

Haberá tamén, interludios musicais nos que se escoitarán algunhas das cancións que conformaron a banda sonora daquel tempo: a Ópera dos tres peniquesWoyzeckLulú e as operetas de Franz Léhar.

Desta maneira divertida, os asistentes achegaranse á cultura do viño, cunha iniciación á cata, con viños da Adega Aurea Lux, situada en Cenlle (D.O. Ribeiro), representada por Manuel Docampo.

Esta adega elabora de feito artesanal, uns viños de probada calidade: Leive Paradigma, elaborado con uva treixadura, albariña e loureira, e Leive Treixadura, que presenta un carácter monovarietal.

Os asistentes tamén terán a ocasión de gozar asemade do branco reserva Leive Reliquia e dun tinto de crianza, con certificación ecolóxica, Preto de Leive.

Ademais, serviranse petiscos de pan, friames, salchichas de Frankfurt e queixo galego.

Para poder participar nestas xornadas e na cata de viños e petiscos, poderá facelo no propio Riquela ou no email eventos@riquela.com, por un prezo de 12 euros.

Comparte...