A Asociación de Escritores e Periodistas del Vino abre as súas portas aos blogueiros

A Asociación de Escritores e Periodistas del Vino abre as súas portas aos blogueiros

A Asociación de Escritores y Periodistas del Vino (AEPEV), con sede en Madrid e presenza en toda España, pasou polo Salón dos viños e licores galegos de calidade VinisTerrae para presentar aos profesionais do sector a súa nova web corporativa e un dos retos que afrontan para este ano: a creación da Comunidade Dixital do Viño (CODIVI), unha iniciativa que nace para prestigiar e tentar establecer códigos de autorregulación na comunicación que fan os blogueiros do viño, que teñen cada vez con maior presenza e influencia entre consumidores e adegueiros. De feito, segundo recolle un recente estudo do Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv), os blogueros supoñen xa a cuarta parte dos prescriptores sobre o viño e moitos deles elaboran contidos para adegas. “Estamos, pois, ante unha figura que, con maior ou menos profesionalidade, veu para quedar”, explicaba a delegada rexional da AEPEV, Carmen Fernández, durante a súa presentación en Expourense.

Así, a AEPEV, que agrupa actualmente a preto dun centenar de profesionais e escritores vinculados ao mundo do viño pretende acoller tamén a estes comunicadores, que nalgúns casos realizan un gran traballo de difusión da cultura do viño e fano cunha frescura e facilidade que algúns medios de comunicación do sector han ir perdendo. Con todo, como explicaba a responsable rexional da AEPEV , “non todo vale”. “Queremos crear unha comunidade que se rexa por uns principios de honestidade na elaboración das informacións e cuxos membros asuman o cumprimento dun código deontolóxico no que xa a asociación xa está a traballar”.

O obxectivo é poder contar cunha listaxe de “comunicadores dixitais” que se integrarían dentro da Asociación, presidida pola enóloga María Isabel Mijares, e que gozarían das mesmas vantaxes como asociados que os membros da AEPEV tales como acceso a calendarios de eventos especializados, información sobre feiras e concursos, boletín de noticias ou contacto con outros profesionais do resto de España ou a nivel internacional, no caso de ser tamén membro da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores do Viño e Espirituosos (FIJEV).

Comparte...