A Asociación de Hostelería propón converter nun faro gastronómico a nave cinco da praza de abastos de Compostela

A Asociación de Hostelería propón converter nun faro gastronómico a nave cinco da praza de abastos de Compostela

A nave cinco da praza de abastos de Santiago de Compostela converterase nun faro da gastronomía compostelá se chega a bo porto o proxecto presentado pola Asociación de Hostalaría, que pretende converter esta nave en moito máis que un simple espazo onde se cociñen e vendan tapas por parte dun reducido grupo de hostaleiros.

O proxecto da Asociación de Hostalaría, elaborado por un amplo grupo de profesionais expertos na materia encabezados pola empresa Mr. Turismo, busca converter este espazo nun lugar de encontro de todo o que se move ao redor da gastronomía en Santiago de Compostela e en Galicia, conxugando os aspectos gastronómicos cos culturais, económicos e turísticos e tendo sempre como referencia o mercado de abastos no que se empraza.

O proxecto plantexase desde múltiples perspectivas, con ofertas diferenciadas para cada momento do día e para cada día da semana. Na nave cinco da praza poderase almorzar, tomar o aperitivo, tapear, comer, merendar ou cear. Pero tamén se poderá asistir a catas dos máis diferentes produtos, cursos de cociña, presentacións de produtos… ou simplemente tomar un café mentres se mira a última novidade, posto que haberá unha biblioteca gastronómica a disposición dos clientes.

Así mesmo, os clientes poderán adquirir na praza os produtos que logo lles cociñarán por un prezo adicional e, seguindo a tradición compostelá, haberá pulpería nos días fortes de mercado.

O Espazo Gastronómico estará xestionado por un equipo de cociña profesional de alto nivel, pero todos os membros da Asociación de Hostalaría poderán reservalo para realizar xornadas nas que mostren a súa cociña aos clientes da praza de abastos, reforzando o carácter social da proposta da Asociación, que máis que o lucro individual busca a promoción colectiva da gastronomía Compostelá e galega en xeral nun lugar que é o segundo máis visitado de Santiago de Compostela, despois da catedral.

Fisicamente a nave cinco pivotará ao redor dunha cociña central, acristalada, de maneira que se cociñará á vista dos clientes. As zonas laterais da nave, que actualmente están destinadas aos postos de venda, pasarían a estar ocupadas por mesas situadas entre os alicerces e os muros de peche. A nave central tamén se dotará de mesas na parte máis próxima á cociña, deixando a outra metade da nave central libre para o tránsito dos clientes.

A distribución de espazos está pensada de forma polivalente, de maneira que sexa posible simultanear dúas actividades diferentes a ambos os dous lados da cociña sen que unha interfira coa outra.

O proxecto inclúe unha proposta audiovisual que permitirá difundir contidos creados in situ, ben de forma on-line ou ben off-line. O que está sucedendo na cociña ou as actividades que se desenvolvan no Espazo Gastronómico poderán verse en directo na propia nave cinco a través de pantallas e proxeccións ou visualizarse a través de internet. Tamén haberá un set de fotografía.

Actividades

Ademais dos servizos propios de restaurante e cafetaría, o proxecto presentando pola Asociación de Hostalaría prevé actividades permanentes como:

A cociña do mercado. Os clientes compran na praza de abastos e no Espazo Gastronómico cocíñanllo por un prezo adicional.

Pulpería. Nos días máis fortes de mercado.

Día do socio. Os socios da Asociación de Hostalaría poden presentar a súa cociña no Espazo Gastronómico.

Biblioteca gastronómica. A disposición de todos os clientes.

Polo que respecta a actividades temporais están:

Cociña de mercado. Actividades e propostas concretas ao redor de produtos de tempada.

Xornadas gastronómicas de temática determinada.

Ceftourday: Compro, cociño e degusto. Un grupo reducido de persoa realiza a compra na praza de abastos acompañado dun cociñeiro e despois cociñan conxuntamente os pratos que se van a degustar.

Tour Gourmet. Visita gastronómica á cidade de Santiago cun guía oficial especializado.

Cursos de fotografía gastronómica.

Gastronomía pedagóxica. Cursos de cociña dedicados a mozas e adolescentes.

Cursos de cata. Talleres de cociña. Aulas activas de cociña. Talleres gastronómicos para nenos. Catas e maridaxes.

Así mesmo poderanse realizar presentacións de produtos, degustacións, accións para congresos, convencións e empresas, actividades en torno ao mundo do cinema, a literatura, a arte, etc. relacionados coa gastronomía, exposicións temporais de temática gastronómica, accións formativas de coctelería, sesións de coctelería e outras moitas.

En definitiva, unha proposta que vai moito máis alá do que sería dedicar a nave cinco exclusivamente á montaxe dun número limitado de negocios privados dedicados a cociñar e servir tapas.

O equipo que elaborou a proposta, encabezado por Tono Múgico, da empresa Mr. Turismo está integrado por Blanco&Terán Arquitectos, os cociñeiros e profesores Jorge Carou e Daniel Pulzoni, o director comercial de Rosareiro Javier Rodríguez, o economista Higinio Vázquez, a enóloga Cristina Mantilla, o xornalista gastronómico Miguel Vila e o realizador de televisión José Méndez Ares.

Comparte...