A brasería chantadina A Faragulla amplíase co espazo A Lareira

A brasería chantadina A Faragulla amplíase co espazo A Lareira

O restaurante A Faragulla, de Chantada (Lugo), inaugurou o pasado domingo 12 de maio o seu novo espazo A Lareira, que consta, por unha banda, dunha nova lareira deseñada á maneira das tradicionais pero adaptada á súa función como brasería e, por outro, dun novo comedor con cociña integrada e deseño máis minimalista, en madeira e cristal. Esta reforma amplía a capacidade do local que rexenta Antonio Lorenzo, que, a partir de agora, poderá acoller comidas de grupos e pequenos eventos.
Na Faragulla, o lume das brasas é protagonista de toda a súa oferta culinaria e A Lareira permitirá asar ‘ ao espeto’ e cociñar nas brasas e durante horas as diferentes variedades de carnes, peixes, mariscos, verduras e mesmo masas e froitas que ofrece a súa carta.

Cóctel e música
A recente ampliación converteuse o pasado domingo nunha auténtica festa, que estivo amenizada polo grupo compostelán Sabela King and Heardbreakers e na que tiveron presencia marcas como Chacueca, de cervexa artesá; Nordesía cos seus vermús; ou a adega Castrofiz, da D.O. Ribeira Sacra. O menú, do que gozaron uns oitenta comensais, incluíu distintos tipos de carne, que estiveron acompañados de guarnicións e unha sobremesa.

A Brasería Faragulla Winebar
Antonio Lorenzo, pertencente á terceira xeración dunha familia de cociñeiras e formado nalgúns dos restaurantes máis emblemáticos do mundo enteiro, fundou A Brasería Faragulla Winebar no ano 2011, converténdoo nun dos restaurantes de referencia da Ribeira Sacra onde os
viños de Galicia se dan a man co mellor da nosa despensa ao carón das brasas.

Comparte...