A Cata dos Queixos de Galicia recupera unha vella tradición premiando un Arzúa-Ulloa curado: Arqueixal

A Cata dos Queixos de Galicia recupera unha vella tradición premiando un Arzúa-Ulloa curado: Arqueixal

Arqueixal”, elaborado pola queixería do mesmo nome en Palas de Rei é o primeiro queixo curado de Arzúa-Ulloa premiado con distinción de ouro nas Catas dos Queixos de Galicia, que por primeiro vez en dezaseis anos incorporaba esa categoría, recoñecendo así un queixo de longa tradición en Galicia inda que nos últimos tempos esquecido pola meirande parte dos consumidores. Acompañárono no podio dous queixos elaborados en Touro: Arquesán e Bama.

O resto de premiados con distinción de ouro foron Pazo de Anzuxao na D.O.P. Tetilla, Arquesán na D.O.P. Arzúa-Ulloa (categoría de non curados), Don Crisanto na D.O.P. San Simón da Costa e Castelo na D.O.P. Cebreiro.

No mesmo acto de entrega de premios, celebrado en Santiago de Compostela, entregáronse os correspondentes á XII Cata dos Meles de Galicia, correspondendo os dous ouros a apicultores da Mariña lucense: O Trobo na categoría de multiflorais e Alfimel na de monoflorais. Con este novo ouro O Trobo confírmase coma o mel máis premiado de Galicia.

Na entrega dos premios participou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que dixo que as materias primas galegas son excelentes e se converten en produtos de primeira calidade que transcenden as nosas fronteiras, animando aos compoñentes do sector primario galego a continuar ofrecendo aos mercados produtos de alta calidade diferenciada.

Insistiu especialmente Feijóo en recomendar o  consumo de mel galego nestes tempos de gripes e catarreiras coma un elemento tan ou máis eficaz que os medicamentos. “E sen copago”, engadiu unha apicultora polo baixiño.

A lista completa dos premiados nas catas dos queixos e os meles pode atoparse neste enlace.

Comparte...