A chef estrela Michelin Lucía Freitas triunfa en Nova York cun showcooking de produtos pescadeRías no GC&FF

A chef estrela Michelin Lucía Freitas triunfa en Nova York cun showcooking de produtos pescadeRías no GC&FF

Onte comezou en Manhattan unha nova edición de “Galician Cinema & Food Festival”, o festival de gastronomía e cinema que leva o mellor de Galicia á Gran Mazá e que conseguiu promocionarse como “o maior evento de promoción”  da nosa comunidade nos Estados Unidos por cuarto ano consecutivo, segundo a oficina de Turismo de España no país.

A primeira xornada do festival celebrouse no emblemático edificio de Cosentino City, en Manhattan, e contou coa presenza da chef estrela Michelin do restaurante A Tafona, Lucía Freitas. A galardoada cociñeira, que inaugurou ademais a nómina de mulleres que cruza o Atlántico para poñerse o mando dos fogóns do GC& FF, realizou un exclusivo showcooking con produtos de pescadeRías para máis de 20 distribuidores locais e profesionais da comunicación da cidade, aos que animou a “facer o Camiño, coñecer á nosa xente e a nosa gastronomía. Merece a pena visitarnos porque somos moi riquiños.”

Os asistentes ao show gastronómico, que coincidiu coa celebración da segunda xornada da Fancy Food -a feira de alimentación máis importante de EE. UU– puideron probar un completo menú elaborado pola cociñeira nun man a man co equipo de Tomiño, a taberna galega de moda en Manhattan. En concreto, o menú estaba composto por peixe Stolt Sea Farm, polbo Discefa e as conservas Portomar, Ramón Pena, Peperetes e Cabo de Penas.

Así, a degustación consistiu en empanada líquida de zamburiñas con escuma de millo, ceviche de linguado, leite de tigre e ovos de troita, polbo en escabeche con cítrico de verduritas, e rodaballo, menier afumada e fabas de Lourenzá. Todo iso acompañado polos principais monovarietales de Aceites Abril, e maridados cos viños Regina Viarum e Altos de Torona das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Rías Baixas respetivamente. Como guinda, a sobremesa consistiu nun xeado de café, crema de queixo de Arzúa e galleta de castaña Naiciña, acompañado da cervexa 1906 Black Coupage e completado cun café orgánico da marca Candelas.

Entre os asistentes ao evento atopábanse os importantes distribuidores Chad Browser e Jussi Roy da famosa cadea de restaurantes americana participada por Susan Sarandon “Spin”, así como recoñecidos chefs españois como Marc Vidal da Boquería ou Josep Coroado do recentemente inaugurado Little Spain, meca da cociña española en Nova york e propiedade de José Andrés e os irmáns Albert e Ferrán Adriá. Tamén estiveron presentes os influencers gastronómicos Morgan Raum de Tooo Much Food e  Matt Bruck, que suman entre os dous máis de 170.000 seguidores.

A parte gastronómica do festival continuará mañá, tamén da man de Freitas, en “ The Taste of the Way Day”; un cóctel con degustación de produtos galegos que se servirá a 150 invitados, entre os que se atopan turoperadores turísticos, medios de comunicación especializados e público xeral, no patio do Instituto Cervantes.

O broche de ouro a estas xornadas gastronómicas con sabor galego poñerao Estrella Galicia, patrocinadora do festival desde a primeira edición en 2015, coa celebración dun taller divulgativo de cultura cervexeira acompañado dunha degustación de produtos da marca. Unha exclusiva “Beer Culture Session” para prensa especializada e distribuidores e hostaleiros locais que se celebrará o mércores 26, de novo na sede de Cosentino City de Manhattan.

Comparte...