A cociña de Palencia acapara a atención no último día do Fórum Gastronómico Coruña

A cociña de Palencia acapara a atención no último día do Fórum Gastronómico Coruña

A gastronomía de Palencia atraeu gran parte do protagonismo da última xornada do Fórum Gastronómico de A Coruña. A Diputación de Palencia organizou dous obradoiros de cociña en directo nos que un centenar de persoas puideron degustar os produtos típicos palentinos. Ambos os dous correron a cargo dos restaurantes La Traserilla (Palencia), da man de Erika Sánchez e Miguel Sánchez; e Los Lagares (Saldaña), con Mª Isabel Curiel Mansilla e Ángel Jesús Gónzález Gómez.

O primeiro dos talleres levaba por título ‘Con P de Palencia y Producto’. Tratábase dun obradoiro en frío no que os invitados puideron degustar unha selección dos mellores produtos de Palencia. Cada un dos restaurantes preparou unhas tapas. La Traserilla ofreceu unha tapa con tocinillo, hoxaldre, noces, cecina e licor de figos. A cociñeira Erika Sánchez explicou que era unha das tapas máis complicadas de elaborar pola dificultade de cohesionar produtos en principio tan diferentes. Os cociñeiros de La Traserilla tamén prepararon uns bocatas de foie e cecina, cuxa presentación simulaba un ‘perrito’, pero cos exquisitos produtos da terra.

Neste taller frío, os cociñeiros do outro restaurante participante, Los Lagares, realizaron o plato ‘Palentino’, con morcilla, foie, cecina de equino e boletus. A cociñeira María Isabel Curiel Mansilla explicou que se trata dun pincho con gran sabor. “É coma comerte Palencia dun bocado”, engadiu. O outro plato foi ‘Tierra de Quesos’, con queixo de cabra, troita da montaña palentina, pan de Fabiola e marmelada de ortigas, que, segundo explicou María Isabel Curiel, “dalle un toque moi silvestre”.

A segunda das demostracións levaba por título ‘Armonías palentinas’, un taller en quente. O restaurante La Traserilla preparou o plato ‘Chapa-Bao Lechazo’, “o animal por excelencia de Palencia”, tal e como explicou a cociñeira Erika Sánchez. O outro plato foi unha crema de garabanzos, bacallau e morcilla, “que sabe moito a tradición”, afirmou.

Ademais, Los Lagares realizou o plato ‘Nabos de Monzón’, unha tapa creación elaborada ex profeso para o Fórum Gastronómico para unir un produto moi típico tanto de Palencia como de Galicia: O nabo. A ‘Sopa Avahada’ foi outro dos platos que se degustaron neste taller, con setas da montaña palentina, ovo de codorniz, trufa palentina, virutas de magret de pato e outros selectos de foie.  María Isabel Curiel explicou que a sopa Avahada pertence á cociña histórica palentina. En ambos os dous talleres, a degustación das tapas estivo acompañada de viños da Bodega Esteban Araújo.

Nos obradoiros empregáronse, entre outros, produtos das empresas que se estiveron dando a coñecer durante os tres días do Fórum. Trátase de Bodega Esteban Araujo, Destilería Esteban Araújo (Torquemada); Quesos Cerrato (Baltanás), Cecinas Hermanos Caballero Rojo (Villarramiel), Nueces Monnu (Palencia), Pastas y Hojaldres Uko (Cervera de Pisuerga), Bodega Negredo (Palenzuela), Selectos de Castilla (Villamartín de Campos), Campos Góticos (Villerías de Campos) e Morcillas de la Abuela Kika (La Serna).

Comparte...