A D. O. de Ribeiro presenta as súas elaboracións en Bilbao

A D. O. de Ribeiro presenta as súas elaboracións en Bilbao

O C. R.D.O. de Ribeiro desprazouse a Bilbao para formar parte dunha presentación para profesionais e afeccionados bilbaínos. O evento celebrouse na Bodega Urbana, en pleno centro da cidade, onde a xerente do C. R.D.O. de Ribeiro, Cristina Alcalá, presidiu unha cata do viño galego. Durante a degustación, analizáronse todos os perfís de viños pertencentes á denominación vinícola de Ribadavia. Na cata tamén se contou coa presenza da prestixiosa enóloga Ana Martín, promotora xunto a Pepe Hidalgo da adega.

Galicia sabe a Ribeiro

Baixo o nome de “Galicia sabe a Ribeiro”, presentouse a denominación de orixe máis antiga de Galicia (desde 1932) nun dos locais enolóxicos máis orixinais de Bilbao. O evento desenvolveuse en dous tempos: na primeira sesión, organizada o luns para profesionais, participou a Asociación de Sumilleres de Bizkaia e os mellores profesionais da hostalería bilbaína. A segunda, dirixida a afeccionados e amantes do viño do establecemento, resultou todo un éxito con gran acollida entre os clientes ata completar aforamento. Desde a D. O. de Ribeiro, Cristina Alcalá declarou tras a celebración dos dous eventos que “Ribeiro gozou dunha excelente acollida. Quizais o máis destacable fose que tanto profesionais como afeccionados eran xa coñecedores do gran cambio e a orientación cara á calidade que experimentou Ribeiro nos últimos anos”.

O principal obxectivo da participación da denominación de orixe galega na presentación é a de achegar esta denominación e os seus viños tanto ao profesional como ao afeccionado de Euskadi. Deste xeito, os asistentes poden apreciar o mosaico da diversidade que é o viño de Ribeiro, que irradia orixinalidade e variedade en todos os seus viños.

Comparte...