A D.O. Monterrei segue realizando actividades polo seu 25 aniversario tras o éxito da súa gala

A D.O. Monterrei segue realizando actividades polo seu 25 aniversario tras o éxito da súa gala

A D.O. Monterrei, a máis nova de Galicia, celebrou o venres a súa gala de aniversario. No Castelo de Monterrei, máis de 250 persoas entre adegueiros, viticultores e profesionais do sector, déronse cita para celebrar o cuarto de século da denominación. Ademais, a D.O. prepara xa o lanzamento dun libro, no marco das actividades para conmemorar os seus 25 anos de historia.

O venres 29, a D.O. Monterrei celebrou a súa gala de aniversario, conducida pola presentadora lucense Silvia Jato e que serviu para lembrar o pasado e a tradición da rexión. Pero tamén para mostrar o presente e sobre todo mirar cara ao futuro. A Denominación de Orixe Monterrei enfróntase a unha nova etapa na que, en palabras da presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva, se necesita traballar xuntos. Os obxectivos agora son apostar pola profesionalización, a formación e a innovación, sen esquecerse do máis importante: a terra e a xente que traballa no sector vitivinícola.

A nota emotiva da gala estivo na homenaxe a tres persoas do sector, que levan traballando desde os inicios para poñer en valor a calidade dos viños de Monterrei. Os tres homenaxeados foron o catador Juan Ramón Fuentes Lozano, o viticultor  Felisindo Prieto Arcos e a Bodegas  Ladario. Lara Da Silva cualificou a estes profesionais como “mestres con maiúsculas dos viños de Monterrei, dos que seguimos aprendendo día a día. Artesáns que mimades as vosas cepas, coidades variedades autóctonas e transformades coas vosas mans o produto da nosa terra”.

Lembrar e valorar o pasado da D.O. é un elemento fundamental para seguir crecendo. Por iso, ademais da gala, a D.O. Monterrei ten previstas varias actividades para seguir difundindo e poñendo en valor os seus viños e a súa terra. Así, xa se está traballando na elaboración dunha publicación para percorrer a historia da Denominación de Orixe Monterrei. Para ela xa se empezou a recompilar información e imaxes para lembrar tanto ás persoas que traballaron para sentar as bases do actual D.O. como os primeiros pasos para o seu nacemento.

Os 25 anos da D.O. Monterrei, que está conformada por 26 adegas do val de Monterrei e cuxos viñedos ocupan máis de 500 hectáreas, son todo un acontecemento no sector vitivinícola e por suposto para o Consello Regulador da D.O., que comeza xa a lanzar iniciativas para celebrar o seu cuarto de século de andaina.

 

Comparte...