A gastronomía galega, presente en FITUR

A gastronomía galega, presente en FITUR

Unha edición máis, Galicia volverá estar presente na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2016 con caseta propia e cunha relación de actividades e presentacións nas que terá un espazo destacado nosa gastronomía, non en balde é a segunda motivación que os turistas aducen para visitar Galicia. Nesta edición, ademais de catas de viños e queixos galegos, que estarán a cargo do catador Nacho Costoya, a nosa gastronomía será a protagonista da cea de gala que ofrecerá o chef Pepe Solla da man de Turismo de Galicia na gala de entrega dos Premios á Excelencia e a Innovación Turística que a Organización Mundial do Turismo (OMT) entregará o mércores 20 de xaneiro e no que estarán presentes axentes e representantes turísticos de todo o mundo. A cea será servida en colaboración cos alumnos do Centro Superior de Hosteleria de Galicia (CSHG).

Ademais, outros produtos galegos como os viños da D.O Ribeiro e as carnes da IXP Tenreira de Galicia tamén terán o seu espazo en Fitur, a través das presentacións que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) celebrará na súa caseta durante a feira, xunto con outras 20 denominacións de orixe e IGPS, no marco da programación prevista neste espazo de difusión da gastronomía española.

Comparte...