A IXP Pan de Cea presenta un recetario no que este produto é o protagonista

A IXP Pan de Cea presenta un recetario no que este produto é o protagonista

Nesta primeira e única guía de cociña amósanse as grandes posibilidades do Pan de Cea con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) na gastronomía

O Consello Regulador da Indicación Protexida Pan de Cea presentou na Casa Rural O Cruceiro (parroquia de Vales, San Cristovo de Cea) o seu primeiro recetario de cociña, no que o pan se convirte nun ingrediente fundamental na cociña de Emma Pinal. Nestas receitas, nalgúns casos de vangarda e noutros máis tradicionais, o Pan de Cea toma a súa máxima expresión.

Carlos Rodríguez, presidente do Consello Regulador da IXP, destacou que esta publicación busca “que a xente saiba como aproveitar o noso produto, xa que non só se utiliza para acompañar pratos, senón que tamén pode ser un dos seus ingredientes”. Pola súa banda, Emma Pinal indicou que todas as receitas están pensadas “para que se poidan facer na casa e pensamos en propostas para as distintas estacións”. Ademais, os platos escollidos tamén se elaboran “con produtos doutras IXP, coma os queixos Arzúa-Ulloa ou O Cebreiro, Ternera Gallega, Mel de Galicia, Grelos ou Mexillón de Galicia”.

O Recetario Pan de Cea naceu a partires da participación de Emma Pinal en distintas feiras gastronómicas, dentro das degustacións organizadas pola Consellería de Medio Rural en citas como o Salón de Gourmets, Alimentaria ou próximamente en Salimat de Silleda. “Esta publicación é froito dun traballo prolongado no tempo”, asegurou a chef, quen se amosou moi satisfeita cos resultados da publicación. Nesta primeira e única guía de cociña amósanse as grandes posibilidades do Pan de Cea con Indicación Xeográfica Protexida na gastronomía. Catorce recetas orixinais coma os Muffins de Pan de Cea con grelos, o Xeado de Pan de Cea con Tomate e Xamón, Brusquetta de Pan de Cea ou Croque Madame. Tampouco faltan as máis tradicionais como o Pepito de Pan de Cea con Ternera Gallega, as Migas de Pan de Cea con Secreto Caramelizado ou a Sopa de Cea.

Comparte...