A reapertura do Hotel Riazor trae consigo un renovado Gastrobar

A reapertura do Hotel Riazor trae consigo un renovado Gastrobar

O emblemático Hotel Riazor da Coruña reabriu as súas portas hai pouco máis dun mes, despois de máis de medio ano de reformas. O establecemento conta tamén cun Gastrobar, situado na primeira planta do hotel e que destaca polas súas vistas ao mar.

Trátase dun local dedicado aos clientes do hotel e tamén ao público xeral, que ofrece distintos espazos: a zona de bar, de picoteo e o  buffet, cunha capacidade total para 220 persoas e vistas sobre a baía da Coruña.  O local baséase fundamentalmente na cociña tradicional a partir do produto galego e destaca a súa facilidade para realizar comidas para grupos, ademais da súa roda de buffet que ofrece unha ampla oferta de produtos e que varía cada día da semana.

O coordinador gastronómico do Hotel Riazor, Jorge Iglesias,  afirma que o Gastrobar aposta por pratos de calidade e recomenda a aqueles que se acheguen a probar o menú, que aposten polo peixe fresco e a repostería caseira.

Os principais puntos diferenciadores son, segundo Iglesias, “a súa localización”, con vistas espectaculares e tamén a súa carta, dispoñible de 11 da mañá a 11 da noite. Así, o local está aberto tanto aos mediodías como para cear os sete días da semana.

En total son 14 as persoas que traballan na actualidade no Gastrobar, polo que o propio Jorge Iglesias recoñece que a súa función é “coordinar que todo salga ben, que todo estea no seu sitio”. De momento a acollida foi boa xa que, tal e como nos confirmaba tras a seca dos primeiros días, nos que o local se abriu aínda cos últimos detalles por finalizar, agora adoitan ter o comedor cheo. De feito, a maioría dos clientes son en moitos casos hóspedes do hotel que apostan tamén polo Gastrobar. Un dos seus maiores éxitos ata agora é o buffet, moi demandado por todos os que xa se achegaron a coñecer o local.

Mirando ao futuro, Iglesias pensa tamén en apostar pola zona de bar. Un espazo que considera perfecto para tomar copas a primeiras horas da noite polo seu gran extra: a súa localización, mirando cara á Praia de Riazor.

Comparte...