A restauración decláralle a guerra o ‘no-show’: reservar e non aparecer xa non sairá de balde

A restauración decláralle a guerra o ‘no-show’: reservar e non aparecer xa non sairá de balde

Seguramente oíches falar do ‘no-show’, pero, en caso contrario, é hora de que vaias engadindo o termo ao teu dicionario porque é outra expresión inglesa que chegou para quedar na hostalería. En galego, traduciríase por algo así como ‘non presentado’ e refírese a aquelas reservas que non chegan a concretarse, é dicir, o ‘no-show’ ten lugar cando un cliente efectúa unha reserva para logo non aparecer (ou avisar con tan pouca antelación que non é posible substituíla por unha nova solicitude).

É xa habitual que o ‘no-show’ se cubra no sector de aloxamento coa solicitude dunha tarxeta de crédito, coa que, á marxe de cobrar a estancia por anticipado en moitas ocasións, o hóspede asegúrase de poder ingresar unha contía que adoita aumentar a medida que se reduce o tempo entre a cancelación e a data de reserva ou mesmo o prezo total da reserva no caso de que o cliente nin se presente nin avise.

A novidade radica no feito de que esta práctica se estende agora aos poucos ao mundo da restauración no intento de evitar a sangría que provoca nas contas a incomparecencia dos clientes, principalmente nos establecementos máis laureados e nos que máis difícil resulta conseguir unha reserva. Iso explícase tanto polo feito de que os prezos dos menús son máis elevados como porque son restaurantes polos que os clientes non adoitan pasar ‘a ver se hai sitio’. Quen se achegaría ás toas polo Celler de Can Roca ou DiverXO por se cae a breva cando estamos cansados de oír que se atopan entre os espazos gastronómicos con máis lista de espera do mundo?

Comprar ticket para reservar

Así as cousas, Dabiz Muñoz, propietario de DiverXO, decidiu xa hai meses tomar medidas. A páxina web deste restaurante, con tres estrelas Michelín, recibe aos seus usuarios cunha mensaxe no que se estipula que “Para poder reservar unha mesa en DiverXO é necesario comprar un ticket, como cando acodes ao teatro ou a ver un partido de fútbol. O prezo do ticket é de 125 euros (IVE incluído) por persoa, que será descontado da factura final o día da vosa experiencia”. O texto tamén especifica, con todo, que “se cancelas con dúas semanas de antelación, reintegrámosche o importe dos tickets”.

Con tarxeta de crédito

Galicia non é allea a este fenómeno de tentar contrarrestar os prexuízos do ‘non-show’. En Santiago falamos con Alén Tarrío, chef do Pampín Bar e elixido como Cociñeiro do Ano no último Fórum Gastronómico celebrado na Coruña. Para reservar online no seu restaurante hai que deixar un número de tarxeta e un depósito de 9 euros no caso de que os comensais sexan catro ou máis. “En tempada alta, como fins de semana, verán ou Nadal, podo quedar cada día con dúas mesas desocupadas de xente que non vén despois de reservar, sobre todo se vai bo tempo. *É difícil que se acheguen clientes á porta cando saben que ou noso local é pequeno e adoita encherse. Como moito, se hai sorte, chaman por teléfono para preguntar se dispoñemos de mesa”, explica o restaurador.

Outros cociñeiros galegos amosaron tamén a súa intención de esixir unha fianza ou mesmo de descontar unha cantidade da conta dos seus clientes se reservan e non se presentan, tal e como podiamos ler nesta reportaxe de La Voz de Galicia.

Que vos parece a medida? Creedes que será efectiva contra o ‘no-show’?

Comparte...