A Xunta destinará 4 millóns de euros para fomentar o uso de equipos en común por cooperativas

A Xunta destinará 4 millóns de euros para fomentar o uso de equipos en común por cooperativas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou a próxima convocatoria destas axudas durante a súa visita á cooperativa Os Irmandiños en Ribadeo

Ángeles Vázquez destacou “a importancia das cooperativas no tecido agrario de Galicia” e da suma de esforzos que representan para un mellor aproveitamento e xestión da riqueza do medio rural.

A Consellería do Medio Rural achegará un total de 4 millóns de euros ata 2018 en axudas para fomentar o uso de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Serán investimentos subvencionables con cargo a esta orde a construción do conxunto de instalacións necesarias para exercer os proxectos obxecto de axuda e as instalacións fixas e móbiles, incluídos equipos e programas informáticos asociados á xestión do proxecto a implantar. Tamén, a compra de terreos por un valor inferior ao 10% do custe subvencionable e gastos en honorarios profesionais na redacción do anteproxecto e proxecto que no seu caso se requira e vinculados ao obxecto da orde.

Pola contra, non se concederán axudas para os investimentos de simple substitución, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables. Tampouco os gastos de conservación e mantemento ou os derivados de actividades de funcionamento da explotación, os investimentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos ou aqueles de carácter forestal.

Comparte...