As asociacións profesionais, a favor do proxecto de Hostelería para a praza de Abastos de Santiago

As asociacións profesionais, a favor do proxecto de Hostelería para a praza de Abastos de Santiago

Membros do Grupo Nove, Galicia Gourmand, Xantares e Gallaecia, coñeceron hoxe o proxecto de Hostelería Compostela para a xestión da nave 5 do Mercado de Abastos e a creación dun Espazo Gastronómico,  e valoraron positivamente o proxecto pola súa importancia para a consolidación de Santiago e comarca como destino de turismo gastronómico a nivel nacional e internacional e para a proxección exterior da gastronomía de Galicia.

Manuel García, membro da Directiva do Grupo Nove e propietario do Retiro da Costiña, un establecemento que conta cunha estrela Michelín, e Pepe Mata, presidente do Grupo Galicia Gourmand, propietario do Mesón de Lázaro, coincidiron, segundo informa a Asociación de Hostelería, en valorar o proxecto como unha oportunidade histórica para a proxección exterior da gastronomía de Galicia e para a consolidación de Santiago e Comarca como destino de turismo gastronómico nacional e internacional, fronte a un “proxecto de facer oito locais de tapas nun espazo de titularidade municipal, que non aportaría nada novo a nivel colectivo nin social e que non supón ningún valor engadido nin para Galicia nin para Compostela nin para a gastronomía de Galicia, por iso apoiamos decididamente a proposta de Hostelería Compostela, como a mellor para Santiago e comarca e para toda Galicia, porque confiamos plenamente no seu enfoque novedoso e na súa viabilidade económica”, aseguraron en rolda de prensa.

Co obxectivo de que o proxecto sexa coñecido de primeira man, a Asociación de Hostelería facilita o acceso online a un video de animación no que se amosa o resultado da intervención proposta, a un power point cos principais aspectos da mesma e ao documento do anteproxecto presentado ao Concello e á cooperativa que xestiona a praza.

Comparte...