As cinco razas bovinas galegas súmanse ó uso do logotipo “100% Raza Autóctona”

As cinco razas bovinas galegas súmanse ó uso do logotipo “100% Raza Autóctona”

Estas cinco novas incorporacións súmanse ás xa autorizadas cabra galega, ovella galega, galiña de Mos e porco celta

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, participou -no marco da Semana Verde de Galicia- na presentación do logotipo xenérico 100% Raza Autóctona das 5 razas bovinas galegas: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa.

Con este logotipo “búscase protexer as razas autóctonas, preservando o patrimonio xenético animal e o mantemento dos sistemas de cría extensivos”, que maioritariamente se empregan para a súa explotación. Isto supón “un beneficio para a sustentabilidade do medio rural e do medio ambiente e permite realzar e potenciar a calidade destas razas”, segundo Belén do Campo.

A directora xeral destacou que, grazas a este selo, facilítaselle tamén ao consumidor unha maior información sobre o produto, á vez que para os produtores destas razas supón unha vantaxe comercial ao estaren todas elas catalogadas como razas en perigo de extinción.

Foron as asociacións de criadores de animais de razas autóctonas as encargadas de solicitarlle ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente o uso deste logotipo. A maiores destas cincos razas, en Galicia xa están autorizadas as de Cabra galega, Ovella galega, Galiña de Mos e Porco celta.

Comparte...