Lepanto, o “brandy” que marida cos queixos

Lepanto, o “brandy” que marida cos queixos

¿Maridar queixo con coñac?¿A quén se lle ocorre tan peregrina idea?. Luis Miguel Trillo, mestre destilador da empresa González Byass e responsable do seu brandy Lepanto levou a idea á práctica atopando que o destilado combina de maneira espléndida con queixos azuis como o Stilton inglés ou o Cabrales asturiano.

A experiencia trasladouse a Abastos 2.0 nunha presentación para xornalistas e bloggers na que o destilado estivo presente dende o trago aperitivo, ben marcado polo destilado e o amargo do Campari, ata as sobremesas, pasando por navallas, cigala, hamburguesa de polbo, remolacha con queixo azul, guiso de choco con fideos ou un monumental xarrete “estilo madre”, asado con todo o seu óso e cun prebe intenso. O brandy estivo presente en todos os platos de unha ou outra maneira, perfectamente identificable pero limitándose a reforzar os sabores do produto principal.

O máis interesante era a maridaxe de queixo e destilado. Para a ocasión elixiron un Capricho da cooperativa Arzuana, San Simón da Costa e Lara&Sara, o queixo azul producido por Prestes en Vilalba. Moi destacada a mestura de Capricho e Lepanto, na que ambos produtos saen gañando. Tamén interesante a de San Simón e brandy, na que o afumado do queixo reforza de forma moi significativa os aromas e sabores de madeira do Lepanto, que pasa máis de doce meses en barricas de carballo que previamente contiveron viño de Xerez durante décadas. Nesta segunda combinación o destilado gaña, pero o queixo xa non tanto. A mestura co queixo azul resulta a menos interesante de todas.

Exótica maridaxe. Coñac con queixo. Exótica ata que un cae na conta en que a mestura é moi tradicional na Mariña lucense, onde moitas veces o requeixo se mestura con azucre… e un chorriño de brandy.

Comparte...