A saga hostaleira dos Leytón (Foz), homenaxeada pola Federación Española de Hostalería

A saga hostaleira dos Leytón (Foz), homenaxeada pola Federación Española de Hostalería

Unha saga hostaleira de referencia na Mariña lucense, os Leytón, recibiu unha homenaxe pola traxectoria familiar

O propietario do hotel restaurante Leytón (Foz), Ángel Leytón, participou na cidade de Toledo na Homenaxe ás Sagas Hostaleiras organizada dende a Federación Española de Hostalería (FEHR).

O acto estaba enmarcado no marco do XV Congreso Nacional de Hostalería, onde a FEHR quixo distinguir as familias vinculadas a restaurantes e establecementos hostaleiros. Un dos establecementos premiados polo sector, a proposta da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), foi o Leytón.

Historia do Leytón

A traxectoria desta saga iníciase co matrimonio de Ángel López Leytón e Carmen Tejeiro, que tiñan experiencia traballando nun pequeno bar, cando decidiron probar sorte coa seu propio negocio.

No 1946 iniciouse a construción do hostal Leytón, que integraba un restaurante con capacidade para 60 persoas e un pequeno bar. Os seus fillos maiores, Ángel e María del Pilar, axudaban no bar, o que fixo que Ángel se sentise atraído polo mundo hostaleiro e estudase na Escola Superior de Hostalería de Madrid para, posteriormente, trasladarse a Alemaña a facer prácticas. Ao regresar a Galicia casou con Conchita Rubal e ambos se sumaron ao negocio familiar, do que colleron as rendas en 1981, tralo falecemento do fundador da saga.

As catro fillas de Ángel e Conchita, Inma, Catalina, Lara e Carmela, tamén se formaron en diferentes ramas relacionadas co turismo e a hostalería e uníronse de distinto xeito ao Leytón, chegando á terceira xeración. Dende a súa orixe, o hotel experimentou numerosas ampliacións e transformacións, modernizándose e adaptándose aos tempos. Hoxe, o Leytón é un referente hostaleiro na provincia de Lugo, especialmente da Mariña.

Comparte...