Os Cafés Patrimonio Cultural dan sabor en Santiago de Compostela

Os Cafés Patrimonio Cultural dan sabor en Santiago de Compostela

Unha cita cos cafés con pegada cultural na Capital de Galicia

Os cafés históricos son a cerna das I Xornadas Os Cafés, Patrimonio Cultural a través do tempo, que se celebran na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago de Compostela entre o 3 e o 5 de maio.

Estas xornadas non se ancoran no pasado. Así, o xornalista, e director do evento, Fernando Franjo apuntou na súa inauguración que “o Café con maiúscula ten que estar vivo; non pode vivir na nostalxia”.

Pola súa banda, Álvaro Torrente, presidente da Fundación anfitrioa, sinalou a súa ledicia por que “a nosa Fundación se converta nun espazo aberto á tertulia, tal e como lle gustaba a meu pai, que era un apaixonado dos cafés como espazos de cultura”.

Ao mesmo tempo, confesou a emoción que sentía por “ver aquí a escultura do meu pai, que é así como eu o lembro: sentado no café Novelty de Salamanca listo para partillar con numerosos intelectuais do seu tempo, que poida presidir esta cita”

A sede da Fundación acolle unha a mostra fotográfica de Vari Caramés titulada Os cafés de GTB.  É unha colección de instantáneas daqueles lugares polos que o escritor adoitaba frecuentar.

Primeira xornada de Os Cafés, Patrimonio Cultural a través do tempo

Trala inauguración oficial, o barista do Café Venecia de Santiago, Óscar de Toro, ofreceu nunha sesión os seus consellos para elaborar un café de calidade.

A continuación chegou unha tertulia coa presenza do xefe do departamento de Servizos do CSHG, Ángel Benavente; o director de Benbo, Miguel Vila; o chef do restaurante Manso de Santiago, Alberto Lareo; e o barista Óscar de Toro. Este encontro centrouse na Implantación dos novos modelos gastronómicos. Cociña e servizo.

A sesión de tarde centrouse no eido dos cafés históricos como tales. Na primeira conferencia, o xerente do Café Santa Cruz de Coímbra e membro da Ehica, Víctor Marques, falou sobre a Ruta de Cafés Históricos de Portugal.

En Presente e futuro do Café Histórico partillaron os xerentes do Café Casino de Santiago, Antonio Riveiro; do Novelty de Salamanca, Francisco Novelty; do Café Kipos de Creta, Vasilis Stathakis; e Víctor Marques.

Na sesión Café na Literatura Romántica. Os salóns de té e o feminismo, aportaron a súa visión a directora do Congreso de Literatura Romántica de A Coruña, Trinidad Palacios; e a coordinadora das xornadas, Rebeca Ponte.

Comparte...