Melide promocionará os seus melindres no Fórum Gastronómico

Melide promocionará os seus melindres no Fórum Gastronómico

A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional de Melide, que este ano se celebrará a fin de semana do 11 e o 12 de maio, estará presente a partir deste domingo no Fórum Gastronómico da Coruña coa fin de promocionar os doces típicos da localidade: melindres, amendoados e ricos. Para iso, ademais de contar cun posto propio na feira, desenvolverá tamén diversas actividades.

A primeira delas terá lugar o propio domingo 10, día da inauguración do Fórum, e consistirá nun obradoiro, que leva por título “Repostaría de Melide, o valor do artesá” e permitiralles aos asistentes coñecer de primeira man os tres doces típicos melidaos e as materias primas coas que se elaboran. Poderán tocar as diferentes masas tanto en cru como xa cocidas e participar nos baños de azucre, completado así o proceso completo de elaboración dos melindres, os ricos e os amendoados.

A actividade terá lugar no Espazo Ágora do recinto de ExpoCoruña de 16 a 17 horas e será impartida por Alberto Rodríguez, mestre reposteiro e presidente da asociación Melide Terra Doce. O punto final do obradoiro poñerao unha cata dos tres doces tradicionais, acompañada das explicacións do mestre artesán Román Varela, da Pastelería Trisquel.

Tamén no stand do Concello de Melide, que estará situado no espazo 150 do pavillón principal do Fórum Gastronómico, todos os visitantes poderán probar e mercar as afamadas sobremesas melidás a través das casas reposteiras que conforman a asociación Melide Terra Doce: Casa Melchora, Pastelería Estilo, Panadería Tahona e Pastelería Trisquel.

No posto atoparán así mesmo un photocall que lles permitirá aos visitantes participar no sorteo dunha estancia en Melide para dúas persoas na fin de semana na que se celebra a  Festa do Melindre. Para iso, deberán subir a súa foto a Instagram utilizando o hashtag #festadomelindre19. Ademais, os pequenos poderán levar un agasallo sorpresa como premio por colorear diferentes ilustracións.

Comparte...