Lugo prepara o seu XIV Concurso de Tapas que se celebrará en setembro

Lugo prepara o seu XIV Concurso de Tapas que se celebrará en setembro

Lugo inicia en setembro o seu XIV Concurso de Tapas, que se celebrará entre o 7 e o 23  e que terá a súa final unha semana máis tarde, os días 28, 29 e 30 deste mesmo mes.  O certame, no que participarán un total de 47 establecementos, está organizado por Apehl e patrocinado polo Concello de Lugo e conta coa colaboración do Consello  Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de Estrella Galicia.

Durante a presentación do acto, que tivo lugar este luns e na que participaron a Concelleira de Cultura Carmen  Basadre, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo ( Apehl),  Cheché Real e o presidente do Consello Regulador da D.O . Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, destacouse o aumento dos establecementos participantes nesta nova edición, nun certame que cada vez obriga aos hostaleiros  “para dar o mellor de si mesmos e a poñer a imaxinación ao servizo dos padais”.

Os locais gañadores dos anteriores certames estarán identificados cunha “E”, de …  E para comer, Lugo, para que así os visitantes poidan coñecer algúns dos establecementos que, por méritos propios xa destacaron no concurso.

A final do concurso celebrarase os días 28, 29 e 30 de setembro e nela elixiranse os gañadores nas diferentes categorías: O premio do xurado popular e os premios do xurado profesional. No segundo caso, o xurado profesional outorgará un primeiro, un segundo e un terceiro premio e, ademais recoñecerá a mellor Maridaxe con Estrella Galicia e a Mellor Maridaxe con viño da D.O. Ribeira Sacra.

Os prezos das tapas estarán entre 1 e 3 euros e poderanse degustar, como mínimo, de 13.00 a 15.30  h e de 20.00 a 22.30 h. Para poder participar no sorteo desta edición, estará dispoñible un folleto-pasaporte, que os consumidores deberán selar nos diferentes establecementos. Con 23 selos os participantes entrarán no sorteo dun fin de semana para dúas persoas e cos 47 selos poderase optar a unha viaxe dunha semana para dúas persoas.

Os carteis do  XIV Concurso de Tapas estarán presentes en todas as etapas da Volta a España 2018 para poder atraer visitantes á cidade e seguir promocionando este concurso, que vai xa pola súa edición número catorce.

Comparte...