Máis de 165.000 euros para incentivar o cultivo da castaña en Galicia

Máis de 165.000 euros para incentivar o cultivo da castaña en Galicia

Ángeles Vázquez e Francisco Veiga formalizan un convenio de colaboración, que ten como obxectivo dotar ao Centro de Desenvolvemento Agroforestal de técnicos especialistas para axudar aos silvicultores e produtores de castaña

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Riós, Francisco Veiga, asinaron un convenio para desenvolver un programa de promoción do cultivo e a produción de castaña por valor de 165.951,67 euros, co fin de impulsar esta actividade e consolidala como alternativa económica no agro galego.

A conselleira destacou que “este tipo de accións permiten manter a poboación destas áreas e poñer en valor postos de traballo e rendas”.

Tamén salientou que a produción de castaña é un sector importante para o rural galego en xeral e para a provincia de Ourense en particular, posto que “concentra o 75% da produción deste froito na nosa comunidade e fai de Galicia unha potencia a nivel estatal”.

A través deste convenio, dotarase ao Centro de Desenvolvemento Agroforestal, localizado neste municipio ourensán, de técnicos especialistas co obxectivo de resolver as dúbidas que teñan os silvicultores e produtores en todo o referente á produción de castaña, tanto na plantación, cultivo e comercialización como na tramitación de axudas ou licencias.

Será este centro o encargado de levar a cabo unha vixilancia exhaustiva dos soutos por se fose necesaria a realización de accións de loita contra posibles doenzas nestas árbores na comarca de Conso-Frieiras e a zona de Monterrei.

Do mesmo xeito, vaise potenciar a formación neste sector mediante cursos e xornadas de formación que estarán dirixidas a produtores en activo, persoas que pretendan iniciar unha actividade agraria e desempregados na busca dunha incorporación ao mercado laboral por conta allea en empresas do sector primario.

Produto con selo de calidade

A indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia abrangue varios concellos das catro provincias galegas. Segundo os últimos datos, o ano pasado colleitáronse baixo este selo más de 240.000 quilos, cun valor económico de máis de 555.000 euros.

Comparte...