Máis de 20 restaurantes de Santiago participarán no Banquete do Conxo

Máis de 20 restaurantes de Santiago participarán no Banquete do Conxo

O próximo fin de semana celébrase no barrio de Conxo de Santiago de Compostela a tradicional Festa do Banquete, que ten como base a degustación de pratos de cabra.

O domingo 22 ás 14.30 terá lugar unha comida popular na Carballeira de Conxo, a mesma localización onde se celebrara o 2 de marzo de 1856 o Banquete do Conxo. Nesta comida haberá degustacións de diferentes elaboracións a base de cabra, un produto tradicional non só de Conxo senón tamén doutros moitos barrios de Santiago. Para participar na degustación xa se poden retirar as entradas no Centro Sociocultural de Conxo e en diferentes establecementos do barrio.

Nesta ocasión non se celebrará unicamente a Festa do Banquete de Conxo, senón que ademais levarase a cabo unha acción para tentar poñer en valor a cabra durante todo o fin de semana da festa. Os restaurantes de Santiago prepararán pratos coa cabra como protagonista, xa sexa asada, ao modo tradicional ou con outras receitas diferentes. Ademais, os comensais recibirán como regalo un exemplar do libro ‘Balada ceibe non bosque de Conxo’, cuxo texto está escrito por Henrique Alvarellos.

A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois e a presidenta da Asociación Hostalería de Compostela, Sara Santos presentaron a lista definitiva de máis de 20 restaurantes que participan nesta iniciativa. Os establecementos nos que se poderán degustar estes pratos son: Paz Nogueira, Mesón Peón II, Fuentes, Los Caracoles, O Bo Xantar, O Muiñeiro, A Casa da Viña, A Nave de Vidán, Gran Hotel Los Abetos, Don Quijote, La Catalina, Pazo de Altamira, Sexto II, María Castaña, Mesón de Lázaro, A Costa da Fonte, Pampín, Caney, Amoado, A Ostrería e Frebas.

Ademais, a Asociación de Hostelería está a impartir nas súas instalacións un curso de formación para persoas en paro que ten á cabra como produto gastronómico elixido. O curso termina este xoves e está impartido polo profesor da escola de hostalería de Lamas de Abade, José Quintáns.

Comparte...