María Mosquera reivindicará no  Cilec a faceta como  gastrónoma de Emilia Pardo Bazán

María Mosquera reivindicará no Cilec a faceta como gastrónoma de Emilia Pardo Bazán

Reivindicar a figura de Emilia Pardo Bazán como gastrónoma é o obxectivo que se propuxo a xornalista e redactora de BenBo María Mosquera. A semana que vén trasladará esta inquietude aos participantes no XIX Congreso Internacional de Literatura Española Contemporánea (Cilec) que a Universidade da Coruña desenvolverá no campus da Zapateira entre os días 18 e 21 de xuño.

María Mosquera destaca no artigo que lerá no Cilec o xoves 20, e que leva por título ‘A cociña española antiga: feminismo entre fogóns’, o inmenso esforzo que fixo Emilia Pardo Bazán para lograr ser recoñecida, tanto como escritora como polos seus méritos académicos. Destaca que a condesa de Pardo Bazán custeou ela mesma o proxecto editorial da Biblioteca da Muller (1892-1914), para a que ela mesma realizou ao longo de máis de vinte anos traducións de libros e publicacións nos que se trataba sobre a necesidade da educación feminina e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos que os homes.

Con todo, explica Mosquera, frustrada por non alcanzar ao público ao que se dirixía, Pardo Bazán decidiu finalmente renunciar a traballos tan elaborados para meterse entre fogóns e introducir a cociña na Biblioteca da Muller coa idea de que un libro de receitas serviría mellor aos seus propósitos atraendo a máis público feminino. Así o expón ironicamente no prólogo de A cociña española antiga (1913), no que recoñece o seu fracaso.

Pero tampouco esta obra recadaría o éxito desexado. Aínda cando o momento antollábase propicio, se temos en conta que o xénero gastronómico estaba en pleno auxe coa obra doutros escritores tamén galegos, como Álvaro Cunqueiro ou Picadillo. Aínda por riba, deuse a circunstancia de que foi a propia Emilia Pardo Bazán quen prologou o famosísimo libro deste último, ‘A cociña práctica’ (1905).

“É inxusto que non se lle recoñeceu”, sinala María Mosquera, quen tamén fai fincapé en que aínda hoxe en día pasa desapercibida a faceta gastronómica da escritora coruñesa. “Non é unha obra con tinguiduras tan humorísticas como a de Picadillo, un trazo que contribuíu á súa popularización, pero desde logo ‘A cociña española antiga’ é un libro sumamente interesante e permítenos coñecer tamén o contexto histórico. Por exemplo, recolle varias receitas de gazpacho e conta que, de ser un prato de campesiños, pasou a revalorizarse tras ser elixida polo Rei como sopa fría”.

A pesar de non conseguir o éxito que esperaba, Emilia Pardo Bazán publicou un segundo volume gastronómico: A cociña española moderna (1914). “Quen oíu falar dalgún deles?”, pregúntase María Mosquera.

Comparte...