A Xunta regula os períodos de marisqueo para 2013 e aproba planes de explotación de anémonas

A Xunta regula os períodos de marisqueo para 2013 e aproba planes de explotación de anémonas

A Xunta de Galicia aprobou por primeira vez os plans de explotación de anémonas presentados polas confrarías de pescadores de Celeiro e Espasante (Lugo), A Coruña e Barallobre (A Coruña) e Cangas (Pontevedra). Ata este ano os plans de extracción de anémona nas costas galegas tiñan exclusivamente carácter experimental.

A comezo de cada ano a administración autonómica regula os plans de explotación marisqueira que afectan aos moluscos, percebes, ourizos, algas e anémona así como as vedas e temporadas hábiles de captura dos crustáceos.

Este ano a orde da consellería do Medio Rural e do Mar que regula a extracción de marisco en Galicia non inclúe a centola nin o polbo, indicando que “as medidas de xestión para a explotación da centola e do polbo desenvolveranse a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras”.

En calquera caso, poderase extraer centola ata mediados de febreiro grazas a un plan de xestión temporal aprobado pola consellería do Medio Rural e do Mar, que estará vixente ata o 15 de febreiro e que foi comunicado ás confrarías o pasado 28 de decembro. A consellería xustifica este plan temporal en que ata a aprobación dos orzamentos para 2013 “non é posible coñecer con exactitude as posibilidades orzamentarias que permitan desenvolver un axeitado plan de control para o correcto seguimento do Plan de xestión para a centola”.

Previsiblemente o plan definitivo para a centola prorrogue a temporada de capturas ata o primeiro de xuño, como era habitual ata o de agora, pero non está claro cales van ser as datas hábiles a finais de ano a causa das diferenzas entre as confrarías do norte e as do sur. De feito en 2012 na provincia de Lugo o período de captura de centola non se abriu ata o 2 de decembro, cando nas provincias da Coruña e Pontevedra se fixo case un mes antes, o 4 de novembro.

Os plans de explotación de ameixas, berberechos, longueiróns, peneira e outros moluscos, así coma os do percebe, non establecen vedas, senón “épocas probables de extracción”, que varían moito segundo as zonas, pero o subministro queda practicamente asegurado durante todo o ano.

Nos crustáceos, pola contra, establécense os seguintes períodos de capturas autorizados para 2013:

Nécora: do 1 ao 4 de xaneiro e do 30 de xuño ao 31 de decembro.

Lumbrigante: do 1 de xaneiro ao 29 de marzo e do 1 de xullo ao 30 de setembro

Lagosta: do 1 de xaneiro ao 29 de marzo e do 1 de xullo ao 30 de setembro

Santiaguiño: do 1 de outubro ao 31 de decembro

Boi: do 1 de xaneiro ao 29 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro.

Comparte...