Representantes do Master of Wine nas denominacións de orixe galegas

Representantes do Master of Wine nas denominacións de orixe galegas

O único Master of Wine español, Pedro Ballesteros, dirixirá unha cata comentada de viños na primeira Ruta Pincho Rías Baixas. Pola súa banda, a canadense Barbara Philip fará o propio en Ribeira Sacra

A cata de Ballesteros formará parte da programación da primeira “Ruta Pincho Rías Baixas”, unha ruta de sendeirismo con visita a adegas vinculadas á Ruta do Viño Rías Baixas. É unha das novidades da XI Festa do Tinto Rías Baixas, xunto a unha chaira dedicada a diferentes food trucks. Celebrarase nas Neves, Pontevedra, os próximos 9 e 10 de xullo.

Os establecementos de hostalería locais acollerán degustacións de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas maridados con petiscos elaborados especialmente para a ocasión polos hostaleiros das Neves. O concurso desenvolverase desde este venres 1 de xullo e ata o venres 8 de xullo.

O programa de activides inclúe, ademais, unha actuación do grupo de teatro Limiar, que representará “A lingua na boca” no auditorio municipal da localidade pontevedresa o mércores, 6 de xullo, ás 21:00 horas.

A participación na cata é totalmente gratuíta, aínda que é necesario inscrición previa a través dos emails turismo.asneves@fegamp.gal e asneves@fegamp.gal, ou mediante o teléfono 986 648 038.

Barbara Philip en Ribeira Sacra

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra recibe os días 29 e 30 a Barbara Philip de Canadá.

O mércores, día 29, pola tarde, realizará unha cata na sede do Consello Regulador, onde poderá coñecer 31 referencias diferentes de viños tintos e brancos de 16 adegas. O día 30 visitará varias adegas e viñedos de diferentes subzonas da denominación de orixe.

A visita da Master of Wine Barbara Philip ten lugar un ano despois da visita dunha delegación de 20 membros de distintas nacionalidades do Institute Master of Wine, unha das institucións internacionais máis prestixiosas do mundo do viño con sede en Reino Unido, que visitaron adegas e viñedos da D.O. o pasado mes de abril de 2015.

Comparte...